O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, volveu a apostar polo Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) como un dos Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). Así o fixo coa sinatura dos acordos de colaboración co reitor Manuel Reigosa para os tres centros que forman parte da Universidade de Vigo: CIM, Cinbio e atlanTTic, aos que se inxectarán 1,2 millóns de euros.
Pola súa parte, o CIM-UVigo volve a contar co apoio da institución para manter o seu traballo investigador cunha aportación de case 380.000 euros.
Respecto dos centros CIGUS, Román Rodríguez sinalou que “nos últimos tres anos lograron uns datos verdadeiramente notables, cunha repercusión positiva próxima aos 80M€ en proxectos competitivos e con preto de 1.800 investigadores e investigadoras traballando nas súas diferentes instancias”. “Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estos polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”, destacou.
“Os convenios firmados hoxe son un compromiso claro e decidido polo modelo de investigación universitaria”, engadiu o conselleiro, sinalando que buscan “ofrecer ferramentas e recursos para ampliar a súa base de talento”. “O compromiso da Xunta de Galicia é o de facilitar a obtención de resultados en investigación e innovación que permita consolidar a nosa posición referencial, ademáis de mellorar o rendemento económico, científico e tecnolóxico de Galicia”, dixo.
En liñas xerais, cada un dos centros percibirá unha cuantía similar á que viña recibindo anualmente, pero calculada para 10 meses, ata o momento no que se publique a nova convocatoria de axudas y tendo en conta a avaliación cualitativa do seu funcionamento actual.
1.2 millóns de euros para a UVigo para financiamento de servizos e infraestruturas
Conselleiro e reitores das tres universidades galegas tamén asinaron outra colaboración, por importe de 4 millóns de euros, para financiar o funcionamento dos servizos e infraestruturas científico-tecnolóxicas das mesmas, o que abrangue, tanto a contratación de persoal, como diversos gastos (electricidade, seguridade, mantemento…), compra de pequeno equipamento inventariable, licenzas e renovación de licenzas de software ou adquisición de material funxible e consumibles en xeral.
A UVigo percibirá por este concepto 1,2 millóns de euros. A distribución realízase en función do persoal docente e investigador total por universidade.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI