O Programa de Retención de Talento permite a un investigador e unha investigadora continuar coa súa carreira no CIM-UVigo

Poderán estabilizar a súa traxectoria profesional durante cinco anos

Dende que se puxo en marcha en 2015, o Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitiu fixar na institución preto de 40 investigadores e investigadoras que, doutro xeito, teríanse visto obrigados a continuar a súa carreira científica noutra institución. A convocatoria de 2022 permitirá reter na UVigo a un científico e unha científica do Centro de Investigacións Mariñas, CIM-UVigo: Juan Galindo e Estefanía Paredes.

O obxectivo da UVigo con este programa é realizar un proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras e investigadores doutores que teñan desenvolvido a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas competitivos internacionais, nacionais ou autonómicos. O contrato formalízase por tres anos coa posibilidade de renovación por dous.

Juan Galindo

Juan Galindo, investigador do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, leu a súa tese de doutoramento na UVigo en 2007 e, xusto despois, trasladouse á Universidad de Sheffield cun contrato Marie Curie de posdoutoramento de dous anos de duración. En 2009 conseguiu un contrato ligado a un proxecto e, finalmente, en 2011 regresou ao mesmo grupo no que realizou a súa tese ao abeiro da convocatoria Parga Pondal ata 2016. Dende ese momento enlazou varios contratos a cargo de proxectos do grupo ata que en 2019 conseguiu como investigador principal un proxecto tipo JIN (Jóvenes investigadores sin vinculación o con vinculación temporal) do Ministerio que rematou este mes de setembro. Agora, grazas ao Programa de Retención de Talento poderá continuar desenvolvendo o seu traballo no CIM-UVigo nos próximos anos “con algo máis de tranquilidade dende o punto de vista persoal e científico, porque me permite impartir docencia, solicitar proxectos de investigación como IP e facilítame a dirección de teses, xa que representa maior estabilidade que o meu contrato anterior”. A medio prazo, Galindo recoñece que pode que esta sexa tamén unha oportunidade de estabilización na UVigo “porque este foi o caso doutros investigadores de convocatorias anteriores de retención de talento”.

Galindo leva toda a súa carreira profesional centrado na mesma liña de investigación: os procesos de adaptación local e especiación en gasterópodos mariños. “Son un biólogo evolutivo que realiza estudos ecolóxicos e xenómicos en especies do xénero Littorina (“caramuxos”) con fin de determinar a base xenética das adaptacións locais, que poden estar implicadas na evolución de barreiras reprodutivas, o que é fundamental ao longo do proceso de formación das especies”. Nesta nova etapa na UVigo centrarase en continuar traballando neste eido, que está intimamente relacionado co estudo da biodiversidade mariña e a interacción desta co cambio climático e outros efectos antropoxénicos.

Estefanía Paredes

A outra persoa do CIM-UVigo seleccionada nesta convocatoria é Estefanía Paredes, investigadora no Grupo Ecoloxía e Zooloxía. Experta en preservación funcional de recursos biolóxicos mariños, para ela este contrato supón unha “magnífica oportunidade” para consolidar  “a miña investigación no CIM-UVigo”, centro no que leva dende 2017, despois dunha estadía de tres anos nos Estados Unidos, na Universidade de Tennessee. Alí completou a súa formación no eido da criopreservación da man de Peter Marzur, un dos pais desta técnica, e cando regresou a Galicia fíxoo como líder dun paquete de traballo no Proxecto Assemble plus (H2020). Nos últimos anos desenvolveu a súa investigación ao abeiro dun contrato Juan de la Cierva de Incorporación. Agora, recoñece, a duración deste novo contrato permitiralle “presentar novos proxectos para acadar financiamento para continuar investigando en primeiro nivel e camiñar cara unha estabilización”. Os retos de Paredes pasan por seguir traballando para que o CIM-UVigo siga a ser un “referente na criobioloxía mariña e achegarnos a modelos de organismos máis complexos coma larvas cun esqueleto, novos modelos coma os poliquetos ou embrións de peixes”. Ademais, engade, “estamos traballando no estudo da criopreservación de ovos de invertebrados mariños, que son imposibles de criopreservar ata o de agora, e que pretendemos criopreservar no futuro empezando por estudar e comprender os mecanismos de dano durante a conxelación actual para diagnosticar os puntos críticos que cómpre superar no futuro”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI