Dúas científicas do CIM-UVigo na miniserie documental os Desafíos do Océano do Campus do Mar

Dúas investigadoras do CIM-UVigo participan no proxecto Desafíos do Océano do Campus do Mar

Celia Olabarria e Ana Bernabeu participaron neste proxecto que conta co financiamento da FECYT

Seis investigadoras referentes en distintos ámbitos do medio mariño dan a coñecer as súas visións e traballos na miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando. Especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade son os retos que abordan en cada un dos capítulos, de 15 minutos de duración, que xa están dispoñibles na rede. O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a presentación pública desta miniserie documental de seis capítulos na que participan dúas investigadoras do CIM-UVigo, Celia Olabarria e Ana Bernabeu.

Trátase dun proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, que achega un orzamento de 18.000 euros. O acto contou coa participación de tres das seis protagonistas deste proxecto audiovisual, que compartiron co público as súas experiencias.

O proxecto audiovisual aborda seis ámbitos de gran relevancia a nivel global que representan desafíos de futuro para “os océanos, o planeta e a humanidade”, segundo destacou Daniel Rey, director do Campus do Mar e do CIM. Na súa intervención, lembrou que a reflexión arredor destes retos faise “a través da ollada, traballo e achegas de seis reputadas investigadoras nestes ámbitos en Galicia”. Rey destacou que entre os obxectivos desta serie audiovisual está o de “visibilizar” o traballo e traxectoria destas mulleres investigadoras, cun estilo que busca fuxir de “tópicos” e achegar á audiencia ao día a día destas científicas “desde a proximidade e dunha forma bastante íntima”.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, cualificou o proxecto como unha “aposta audiovisual interesantísima” que, ademais, conta co “selo FECYT, froito dun duro proceso competitivo”. Así, trasladou o apoio da Universidade a unha iniciativa chamada a “espertar vocacións científicas” e a facelo a través de “referentes femininos”. “Estamos aí para o que precisedes”, asegurou.

Seis capítulos, seis científicas, seis desafíos

Xunto ás investigadoras do CIM-UVigo Celia Olabarria, que fala de especies invasoras, e Ana Bernabeu, que aborda a erosión costeira, os vídeos documentais están protagonizados por Lucía Viñas (plásticos mariños – IEO), Marta Álvarez (acidificación oceánica – IEO), Silvia Torres (eventos extremos – Cetmar) e Carmen González Sotelo (sostibilidade da pesca – IIM-CSIC). As protagonistas coincidiron á hora de destacar a necesidade de acometer accións que dean “visibilidade” ás mulleres científicas e tamén aos seus respectivos ámbitos de actividade, asegurando que ter participado no documental permitiulles reflexionar sobre cuestións do seu traballo, arredor das cales, o ritmo do día a día, fai difícil reparar.

Fonte: DUVI