A UVigo está entre as 200 mellores universidades do mundo no eido da Oceanografía

A UVigo está entre as 200 mellores universidades do mundo no eido da Oceanografía

No contexto universitario español, ocupa o sexto posto

A Universidade de Vigo sitúase entre as 200 mellores universidades do mundo no eido da Oceanografía e entre as 500 mellores universidades en outras 11 categorías segundo o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2022.

O Global Ranking of Academic Subjects elabórase anualmente polo Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU, máis coñecido como ránking de Shanghai, e clasifica as mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación.

Segundo os seus responsables “o ránking de Shangai é o máis completo e obxectivo” das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 1800 universidades de todo o mundo en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional.

No contexto universitario español, a UVigo aparece no terceiro posto, empatada con outras institucións académicas, e no ámbito da Oceanografía ocupa o sexto posto.

A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, valora positivamente esta clasificación: “Como resultado da agrupación do persoal investigador nos centros de investigación, estase a potenciar o nivel investigador e a captación de talento”, algo que, segundo indica, “apréciase no caso do Centro de Investigación Mariña – CIM”.

Ademais, Belén Rubio, amosa o seu optimismo cara o futuro: “Agardamos unha mellora a partir do Plan Complementario de Ciencias Mariñas, no que nos unimos un total de once institucións en Galicia para potenciar as ciencias mariñas. O futuro traslado do CIM aos edificios da ETEA, tamén axudará a potenciar as sinerxías co CSIC e con outras institucións deste ámbito”.

A vicerreitora de de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio.