O CIM recibe o distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo coa maior puntuación

O Centro de Investigación Mariña, CIM, xa pode lucir xunto con outros cinco centros da Universidade de Vigo o Distintivo de Igualdade, unha insignia e un recoñecemento deseñado e impulsado para promover, visibilizar e recoñecer, pública e institucionalmente, o esforzo de moitas persoas que na nosa universidade loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento incorporando a mirada de xénero e feminista.

O centro que obtivo maior puntuación nesta convocatoria foi o CIM, que pese a ter unha corta historia, explicaba Mónica Valderrama, “realizou unha clara aposta por incorporar a perspectiva de xénero no seu Plan Estratéxico, o que se está a traducir no impulso dunha organización interna máis igualitaria, no desenvolvemento de actividades participativas de autodiagnose para detectar e corrixir nesgos e desigualdades na súa organización, na aposta por liñas que incorporan o enfoque de xénero, no deseño e implementación de medidas de acción positiva na selección de novo persoal ou na aposta por dar prioridade as mulleres como IP ou primeira autora”. A encargada de recoller o distintivo foi a Ana Bernabeu, presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, que agradeceu o reitor que teña impulsado “dende o principio este tipo de iniciativas e que convertese a igualdade nun obxectivo estratéxico da UVigo”. Tamén trasladou os agradecementos á dirección do CIM “por non mirar para outro lado e ter a decisión de impulsar” iniciativas no camiño da igualdade e aos membros da comisión, “que de xeito totalmente voluntario participan e propoñen ideas para que o CIM sexa cada vez un centro máis igualitario”.

A posta en marcha o ano pasado desta distinción converteu á Universidade na primeira de España en contar cunha iniciativa coma esta, e este mesmo luns celebrouse o acto de entrega da segunda edición do Distintivo. Ademais do CIM, recibiron os seus recoñecementos, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, quedando clasificados por esta orde segundo a puntuación do xurado.

No transcurso do acto, que tivo lugar no edificio Redeiras, Águeda Gómez salientou o “destacable esforzo que se está a realizar en centros, escolas e facultades en impulsar as políticas de igualdade. Todas as candidaturas presentaron exemplos de boas prácticas, non só centradas na sensibilización e divulgación, senón tamén en construír unha ciencia que incorpore a perspectiva de xénero na docencia e na investigación”. Neste sentido, destacou que esta convocatoria, que tivo unha moi elevada concorrencia de candidatura, “é un bo termómetro da igualdade na Universidade” e desexou que todas as accións, actividades e iniciativas “que descubrimos grazas a este distintivo” se poidan converter en referentes e exemplos para o resto dos centros da UVigo. O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de entregar os distintivos, mentres que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentou os méritos de cada un deles para ser merecedores da distinción.

Nova completa no DUVI.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)