Dúas investigadoras do CIM participan na serie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando

Etiquetas

Celia Olabaría (Ecoloxía Costeira) e Ana Bernabeu (Xeoloxía Mariña e Ambiental) participan xunto con outras catro investigadoras galegas na miniserie documental Desafíos do océano: científicas ao mando, no que presentan diferentes retos de especial relevancia para o futuro dos océanos, do planeta e da humanidade. O proxecto, posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar, conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, e achega un orzamento de 18.000 euros.

A iniciativa nace cun obxectivo claro. “Queremos dar a coñecer a investigación que mulleres científicas das institucións que pertencen ao Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar desenvolven arredor de temas de especial relevancia nas ciencias mariñas e informar, divulgar, concienciar e animar á sociedade actual a formar parte do cambio necesario nos nosos hábitos de cara a un desenvolvemento sostible”, explica Daniel Rey, director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña.

A miniserie documental consta de seis capítulos de 15 minutos de duración. Mentres Celia Olabarria aborda o tema das especies invasoras, Ana Bernabeu presenta a problemática da erosión costeira. O resto de protagonistas son Lucía Viñas (IEO),  Marta Álvarez (IEO), Silvia Torres (Cetmar) e Carmen González Sotelo (IIM-CSIC), que afondan noutros retos cos que se enfronta o océano como os plásticos mariños, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca.

A través do proxecto trátase tamén de visibilizar o papel protagonista da muller na ciencia “como contrapunto á histórica fenda de xénero existente no mundo da investigación, amosando científicas á fronte de proxectos de investigación mariña de primeiro nivel e como elemento xerador de vocacións científicas referentes, promovendo a igualdade de xénero”. E faise cun modelo actual, moderno e accesible co que chegar de xeito máis directo á sociedade.

A miniserie, xa en produción, proxectarase nun acto de presentación á sociedade que contará coa presenza das investigadoras participantes, de responsables do Campus do Mar e da Universidade de Vigo e de representantes das institucións ás que pertencen as protagonistas. Por outro lado, os vídeos estarán a libre disposición e descarga de todas as persoas interesadas.

Nova completa no DUVI.