As investigadoras do CIM-UVigo Nieves Lorenzo e Sara Varela participan na segunda edición do libro “Quero ser investigadora”

A UVigo edita un novo catálogo de investigadoras con 650 exemplares que se distribuirán en institutos de toda Galicia a partir de setembro

A Universidade de Vigo presentou este xoves a segunda edición do catálogo Quero ser investigadora, un volume no que dez investigadoras da institución académica viguesa contan en primeira persoa como foi o camiño que as levou, cada unha desde eidos moi distintos, a elixir a ciencia como profesión.

O obxectivo do proxecto é espertar vocacións, amosarlle á mocidade, e sobre todo, ás nenas e ás mozas, que moi preto da súa casa existen mulleres investigadoras que están a realizar un traballo de gran importancia para o conxunto da sociedade.

A presentación levouse a cabo no edificio Redeiras e contou coa participación das vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.

Nesta segunda edición, herdeira da que se publicou no ano 2020, vólvese a difundir a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Cada unha conta coa súa propia ilustración, realizadas pola ex-alumna da UVigo Patricia Fernández Ruibal, quen interveu no acto a través dun vídeo no que explicou o proceso creativo.

O catálogo repartirase, como xa se fixo en 2020-2021, en institutos de secundaria de toda Galicia. Ademais, estará dispoñible na páxina web da Unidade de Cultura Científica, UCC+i, e acompañarase dunha sinxela unidade didáctica coa que se facilitará o traballo con esta ferramenta na clase.

Dez historias de mulleres apaixonadas pola ciencia

“Quero ser investigadora” recolle a biografía de Nieves Lorenzo, investigadora do grupo EphysLab do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo. Unha nena que soñaba con ser astronauta, pero, que a medida que pasou o tempo, foi deixando de lado as súas ansias espaciais para centrarse nunha carreira científica centrada en estudar as causas e os efectos do cambio climático sobre o planeta e en diferentes ámbitos da sociedade, xa que tal e como ela mesma lembra, “afecta tanto á agricultura coma á saúde, á enerxía ou ao transporte”.

Tamén podemos coñecer de preto a historia da especialista en bioxeografía, cambio climático e paleontoloxía, Sara Varela, do grupo de Ecoloxía Animal do CIM-UVigo, tivo claro dende pequena que quería traballar con plantas e animais. Agora, con dezasete anos de traxectoria profesional, puido participar en moitas escavacións paleontolóxicas extraendo fósiles de especies extintas e foi unha das primeiras persoas en usar modelos de distribución (“serven para predicir onde poden vivir as especies”) para predicir a situación das especies no pasado.

O catálogo conta tamén coa participación da docente Inmaculada Báez Montero, da Área de Lingua Española, investigadora do Grupo GRILES; o caso da arqueóloga Beatriz Comendador, investigadora do grupo GEAAT; o de Lorena Rodríguez, investigadora do grupo OC2; Beatriz Legerén, especialista en videoxogos, interacción e deseño; Isabel Pastoriza, coordinadora do Grupo Nanobiomateriais Funionais (FunNanoBio) do Centros de Investigacións Biomédicas, Cinbio; Eva Lantarón, actual vicerreitora do campus de Pontevedra, é investigadora do Grupo FS1; Belén Riveiro, investigadora do Grupo Xeotecnoloxías Aplicadas; e Marián Fernández, do Grupo REMOSS.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)