A comisión de Igualdade do CIM convoca o concurso Marie Tharp para xóvenes investigadoras do Centro

A Comisión de Igualdade e Sustentabilidade do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo convoca o seu primeiro concurso “Marie Tharp”, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao CIM en fase predoutoral ou posdoutoral junior.

O concurso recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deríva continental.

O concurso consta de dúas categorías: predoutoral, e posdoutoral junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por categoría para adquisición de material informático.

As investigadoras interesadas deberán gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto contando brevemente e de forma sinxela en que traballan e cal é o motivo / obxectivos / plan de traballo / resultados ou impacto da súa investigación. O vídeo deberá ser enviado cun enlace para a súa descarga antes do 16 de setembro a cim@uvigo.gal.

Requisitos, especificacións sobre o formato do vídeo, e proceso de avaliación nas bases da convocatoria (Bases Concurso Marie Tharp. PDF)

Cartel Concurso Marie Tharp.PDF

Resolución concurso Marie Tharp (PDF, 223 K)