Os factores climáticos e tectónicos deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral nas zonas tropicais

A revista Nature Communications publica un artigo asinado por Lewis A. Jones, do Mapas_Lab do CIM-UVigo

‘Nature Communications’ publica un artigo asinado por Lewis A. Jones, do Mapas_Lab do CIM-UVigo, xunto con persoal investigador do University College London e University of Bristol

Os cambios no clima pasado e a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral. Esta é a conclusión principal do estudo internacional desenvolvido polo investigador do Mapas_Lab do Centro de Investigación Mariña da UVigo Lewis A. Jones xunto con outros catro científicos do University College London e da University of Bristol. As conclusións desta investigación acaban de ser publicadas pola revista Nature Communications e, segundo indican os autores, “poden ter un alto impacto no noso campo de estudo”.

Jones incorporouse á Universidade de Vigo hai un ano procedente do Imperial College London, para formar parte do Mapas Lab, liderado pola Starting Grant Sara Valera. O laboratorio, que forma parte do Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña da UVigo, céntrase en estudar os procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos, é dicir, onde aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo, xerando mapas paleoclimáticos para ese período e tamén programando modelos que simulen os mecanismos de diversificación da vida. A investigación que este martes publica Nature Communications foi precisamente desenvolvida durante esta primeira etapa do investigador británico na UVigo. O artigo, titulado Climatic and tectonic drivers shaped the tropical distribution of coral reefs, está asinado ademais de por Jones, por Philip D. Mannion, do University College London e por Alexander Farnsworth, Fran Bragg e Daniel J. Lunt, da University of Bristol.

Os bosques tropicais do mar

A distribución dos arrecifes non foi sempre a mesma, xa que no pasado xeolóxico, explica Jones, “os ecosistemas de arrecifes de coral tamén se localizaban máis aló dos trópicos e, de feito, téñense atopado restos fósiles en latitudes > 40º”. O obxectivo deste equipo internacional, do que forma parte o investigador do Mapas_Lab é determinar cales foron as causas de diferenzas tan marcadas na distribución dos arrecifes no pasado. No estudo adoptaron “un enfoque interdisciplinar innovador para probar se o clima impulsou a distribución espacial dos arrecifes de coral no pasado xeolóxico”.

Os investigadores non atoparon “unha forte relación entre a temperatura global e a distribución latitudinal dos arrecifes de coral” e, fronte a este reto, o decidiron empregar modelos de idoneidade do hábitat e reconstrucións do paleoclima para predicir a distribución do hábitat adecuado para os arrecifes de coral durante os últimos ~247 millóns de anos en función das súas tolerancias actuais. “Despois validamos as nosas predicións empregando os datos de ocorrencia de fósiles de arrecifes de coral de augas cálidas” e demostraron que “unha distribución latitudinal máis ampla de hábitat climaticamente adecuado persistiu entre hai 247 e 37 millóns de anos debido a condicións climáticas máis cálidas e unha distribución máis uniforme do substrato mariño pouco profundo”. Porén, a área de hábitat climaticamente adecuada nesgouse cada vez máis cara os trópicos dende hai 37 millóns de anos como consecuencia do arrefriamento global e o aumento do substrato mariño tropical pouco profundo como resultado da evolución tectónica do arquipélago indoaustraliano.

Así, a conclusión clave do estudo é que “os cambios no clima pasado que impactaron na temperatura da superficie do mar, así como a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral”. Con todo, aínda que os resultados suxiren que o quentamento global podería permitir expansións a longo prazo cara os polos, “é pouco probable que os ecosistemas de arrecifes de coral sigan o ritmo da rápida taxa de cambio climático antropoxénico”.

Fonte: DUVI