Celebrouse hoxe con participación de persoal investigador e técnico, estudantado e empresas
O evento “Qué hacemos en una infraestructura de investigación europea? El caso de EMBRC-ERIC y su apoyo a la investigación en Biología Marina” desenvolveuse este luns ao abeiro da Semana de la Administración Abierta do Ministerio de Ciencia e Innovación e nel, tamén se afondaron nas posibilidades que ofrece a infraestrutura para apoiar a investigación europea en bioloxía e biotecnoloxía mariña, mediante a prestación de servizos. Da man, entre outros poñentes, do director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), José Manuel García, as persoas asistentes achegáronse polo miúdo ao funcionamento e ferramentas dispoñibles para poder acceder aos seus servizos en cada unha das institucións que forman o EMBRC-ES.
A sesión informativa contou tamén coa participación do director científico do nodo español de EMBRC, Ibon Cancio, e de Juan Luis Gómez Pinchetti, director científico do Banco Español de Algas (BEA).
EMBRC-España (EMBRC-ES) representa ao estado español en EMBCR e está formado por tres centros de investigación mariña: a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat-UVigo), do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo; a Estación Marina de Plentzia da Universidade do País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico.
Grazas a este seminario virtual, tanto persoal investigador e técnico de universidades e institucións públicas de investigación e parques tecnolóxicos, como estudantado de doutoramento e postdocs, e persoal de empresas privadas interesadas no I+D+i no ámbito da bioloxía e a biotecnoloxía azul, tiveron ocasión de achegarse á orixe, funcionamento e organización en España do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre- EMBRC).
Organizado pola representación española na Infraestrutura de Investigación Europea (EMBRC-ERIC), o webinario foi retransmitido a través de UVigoTV. As persoas asistentes pudieron coñecer as posibilidades que ofrece esta infraestrutura de investigación pan-europea que pon a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa, a través das súas 70 instalacións e estacións mariñas, distribuídas en 10 países, incluído España.
Fonte: DUVI