Investigadoras da UVigo participan en MPA-Engage e desenvolven unha ferramenta para coñecer a vulnerabilidade de áreas mariñas protexidas do Mediterráneo ao cambio climático

Monitoraxe, ciencia cidadá e plans de adaptación, completan xunto con vulnerabilidade, as actividades de MPA- Engage.

Investigadoras de Future Oceans Lab, lideradas pola súa responsable, Elena Ojea, xunto coa docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Laura Movilla, son as representantes da UVigo no proxecto internacional Interreg  Mediterráneo Engaging Mediterranean key actors in Ecosystem Approach to manage Marine Protected Areas to face Climate change (MPA-Engage), que remata esta semana cun evento conxunto en Palma e Barcelona, no que se presentan resultados, comparten solucións e identifican prioridades.

O proxecto MPA-Engage, coordinado polo Institut de Ciències del Mar del Consejo de Investigación Español (CSIC) e coa participación doutras 14 institucións europeas, centrouse durante 24 meses en dar soporte e promover a función das áreas mariñas protexidas para a adaptación e mitigación dos impactos do cambio climático, deseñando plans de adaptación para as Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) do Mediterráneo de Brijuni (Croacia), Portofino (Italia), Calanques (Francia), Zakynthos (Grecia), Karaburuni (Albania), Cap de Creus (España) e Tavolara Punta Coda Cavallo (Italia).

 Na que é a primeira ocasión na que un grupo da UVigo participa nun proxecto Interreg-Med, as investigadoras viguesas encargáronse de avaliar a vulnerabilidade socio-ecolóxica das Áreas Mariñas Protexidas, traballando directamente cos seus xestores, aos que lles proporcionaron unha nova ferramenta para coñecer a vulnerabilidade das súas respectivas zonas protexidas ao cambio climático.

Vulnerabilidade de especies, de hábitats e de usuarios das áreas protexidas

Ademais de demostrar que a vulnerabilidade dunha área protexida ten que ser entendida, tanto dende un punto de vista ecolóxico, como social, as investigadoras da UVigo concluíron logo de meses de traballo que este tipo de análise é aplicable a todos os espazos protexidos, adaptándose á cantidade de datos e á información da que se dispoña.

Así mesmo, este traballo de investigación tamén permitiu confirmar a elevada vulnerabilidade ao cambio climático en todas as áreas de especies coma Pinna nobilis, Paramuricea clavata, Corallium rubrum, Eunicella cavolini, Cladocora caespitosa e Savaglia savagli.

Un Mediterráneo que se quenta tres veces máis rápido que o resto de océanos

En canto ás conclusións xerais do proxecto MPA-Engage, o Mediterráneo confírmase como unha da zonas máis afectadas polo cambio climático, ao quentarse tres veces máis rápido do que o fan o resto dos océanos.

Os e as investigadoras, consideran que as ferramentas de monitoraxe, vulnerabilidade, ciencia cidadá e plan de adaptación, útiles para a toda a rede de AMPs do Mediterráneo, permitirán chegar máis aló do proxecto, para que sexa toda a rede de reservas a que promova estratexias de adaptación e mitigación fronte ao cambio climático, que permitan aumentar a resiliencia do mar e as súas actividades e servizos.

Aínda que MPA-Engage chegou ao seu fin e non está previsto que teña continuidade, Elena Ojea e Julia Ameneiro consideran que “se fixo moi boa rede de traballo que permitirá seguir colaborando e traballando en obxectivos comúns, como a protección e conservación do Mediterráneo, identificado xa como unha das áreas máis afectadas polo cambio climático”.

Fonte: DUVI