Alumnado de O Castro British School coñece a ECIMAT ao abeiro do proxecto BAPSI e en colaboración con Conxemar

Etiquetas
Alumnado de O Castro British School coñecen a ECIMAT ao abeiro do proxecto BAPSI e en colaboración con Conxemar

A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, recibiu este venres a visita dun grupo de 41 estudantes de 4º da ESO e 2º de bacharelato do Castro British International School de Vigo ao abeiro das actividades organizadas no marco do proxecto europeo Bapsi, Blue Academy for Professionals of the Seafood Industry, no que participa Conxemar, quen contactou co Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para desenvolver de maneira conxunta toda unha serie de actividades, entre elas estas visitas divulgativas.

Acompañados por tres dos seus docentes e dous representantes de Conxemar, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de preto as diferentes instalacións da ECIMAT, desde o Laboratorio de Criopreservación, onde a investigadora Estefanía Paredes lles fixo unha breve presentación do traballo que alí se leva a cabo, ata as salas de fitoplancton e zooplancton, o fotobiorreactor, a Unidade de Oceanografía, a sala de bombas da Ecimat e as instalacións de mesocosmos, entre outros. Completaron o percorrido no exterior, onde puideron tomar mostras de fauna e sedimento na praia da illa de Toralla.

A visita incluíu ademais unha charla de Jesús López, do grupo de investigación EcoCost, sobre as investigacións que este equipo está a levar a cabo na Antártida e na que lles falou sobre os efectos do cambio climático no denominado continxente xeado, centrándose especialmente no caso da degradación das algas e o seu impacto nas comunidades intermareais da illa Decepción, onde están as bases antártidas.

A actividade divulgadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI