O proxecto Encorat propón a xestión temporal das pesquerías de enmalle para protexer os corvos mariños cristados

O proxecto Encorat propón a xestión temporal das pesquerías de enmalle para protexer os corvos mariños cristados

Liderado polo Grupo de Ecoloxía Animal do CIM-UVigo, este luns presentáronse as súas conclusións. A instalación de luces LED nas redes non foi efectiva para reducir a mortalidade accidental das aves

O corvo mariño cristado é unha ave mariña ameazada que nos últimos anos ten sufrido unha importante regresión en toda España debido á sobrepesca das súas especies presa, á contaminación por hidrocarburos e, segundo varios estudos previos do Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, á mortalidade accidental nas artes de pesca de enmalle. Precisamente para atallar este último aspecto, a comezos deste ano botou a andar o proxecto Encorat, Acciones para reducir la mortalidad accidental del Cormorán moñudo (Phalacrocorax aristotelis) en artes de pesca de enmalle en la Demarcación Marina Noratlántica. O grupo de investigación vigués, coa colaboración do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo e o financiamento da Fundación Biodiversidad a través do programa Pleamar, centrouse, por unha banda, en avaliar a efectividade dun prototipo de dispositivos luminosos tipo LED instalado nas redes de enmalle para evitar os accidentes e, por outra, en realizar un estudo sobre as áreas de alimentación dos individuos e o seu solapamento coas áreas de pesca.

O equipo, liderado polo investigador do GEA José Carlos Noguera, presentou este luns as súas conclusións tras un ano de traballo en augas de Galicia e Portugal, nun acto virtual a través do Campus Remoto da UVigo, no que estivo acompañado polos investigadores Álvaro Barros e Alberto Velando, da Universidade de Vigo e David Álvarez, da Universidad de Oviedo. Barros explicou que durante o último ano marcáronse 46 aves xuvenís con dispositivos GPS en diferentes colonias de reprodución na illas de Ons e de Sagres, no Parque Nacional da Illas Atlánticas, “que é onde hai niños suficientes e localizacións accesibles para traballar”. Esta actuación permitiu obter máis de 18.000 localizacións e a análise espacial dos datos obtidos indica que “existen diferencias ligadas ao sexo nos movementos dispersivos post-xenerativos, sendo as femias as que máis se dispersan”. Ademais, destacou que as análises indican que a área de campeo de xuvenís aumenta coa idade, situándose nun radio máximo de 4km arredor das colonias de reprodución durante os meses de maio e xuño para, posteriormente, localizarse a un máximo de 8km. Atendendo a estes datos, os investigadores recomendan “realizar unha xestión temporal das pesquerías de enmalle nas zonas de maior uso por parte das aves xuvenís, por exemplo, limitando o número de barcos que faenan preto (<4km) das colonias entre maio e agosto. Nestas zonas de especial protección, apunta Barros, “habería que plantexarse facer unha limitación de uso e non pasaría nada por comezar a falar da limitación de certas artes en certas épocas do ano en determinadas zonas, se con isto conseguimos reducir de maneira moi importante a mortalidade de especies ameazadas”.

Os dispositivos LED non demostraron a súa efectividade

A outra liña de investigación do proxecto pretendía reducir a captura accidental do corvo mariño cristado mediante a instalación nas redes de enmalle de dispositivos luminosos tipo LED. A idea era que as luces permitisen ás aves detectar a presenza da redes dentro da auga e así evitalas. Tras os experimentos de campo levados a cabo en Galicia e Asturias, en concreto en dous barcos de baixura dos portos de Tapia de Casariego e de Laxe, puideron demostrar que a instalación destes dispositivos nos aparellos non ten ningún efecto sobre a actividade pesqueira, nin no número de capturas nin no rendemento económico das xornadas de pesca. Outra das conclusións importantes do estudo é a confirmación “das sospeitas da alta mortalidade que se dá neste tipo de artes de enmalle”, xa que no transcurso do proxecto puideron constatar a morte de polo menos cinco individuos nos aparellos de tres barcos, como explica José Carlos Noguera. “Pode semellar que non son moitos, pero se temos en conta que foi durante 15 días de traballo e que en toda Galicia hai arredor de 1000 embarcacións con permiso para este tipo de aparellos e outras 221 en Asturias, podemos facernos unha idea do conflito que hai con este tipo de actividade”, aínda que recalcaba que non todas faenan en zonas conflitivas para o corvo mariño cristados. Os resultados son, ademais, de moita relevancia, xa que “este é o primeiro estudo que se realiza na demarcación noratlántica que demostra a captura de corvos mariños cristados en artes de pesca de enmalle”, como apuntaba Álvaro Barros.

A outra parte do estudo, que pretendía avaliar a eficiencia da instalación de LED nas redes, non obtivo os resultados agardados, xa que os científicos non puideron observar un efecto positivo destes dispositivos para reducir a mortalidade accidental destas aves. Con todo, os resultados si permiten confirmar, remarca o investigador, “unha asociación da mortalidade con certas condicións ambientais que poderían ter afectado á efectividade dos dispositivos”. Atendendo a estes datos, o investigador principal do proxecto José Carlos Noguera apunta á necesidade de realizar estudos a maior escala sobre a efectividade destes dispositivos disuasorios, así como deseñar variacións dos mesmos.

En conclusión, os investigadores consideran recomendable realizar un estudo pormenorizado in situ do uso das artes de enmalle e da súa relación coa mortalidade, así como implementar medidas de mitigación nas zonas de especial protección, como poden ser os espazos da Rede Natura, que conten con importantes poboacións desta especie, incluíndo neste grupo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI