O CIM consolida a súa capacidade de captación de fondos con dúas novas axudas no Plan Estatal de Investigación

Conseguiu máis de 200.000 euros para pór en marcha dous novos proxectos de investigación

O Centro da Investigación Mariña da Universidade de Vigo consolida a súa capacidade de captación de fondos coa consecución de subvencións para dous novos proxectos na última convocatoria de axudas da Axencia Estatal de Investigación. Estas axudas forman parte dos 4,5 millóns de euros conseguidos pola Universidade de Vigo para pór en marcha 43 novos proxectos de investigación.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, destaca que “en xeral todos os ámbitos aumentaron ou manteñen o número de proxectos obtidos, pero destaca a capacidade consolidada de captación de fondos competitivos dos centros de investigación do SUG, que suman máis da metade do total de financiamento acadado”

Desde a Vicerreitoría de Investigación destácase como un dos aspectos máis relevantes desta convocatoria o impulso dos diferentes centros de investigación da Universidade de Vigo, de onde proveñen o 23% do total das axudas solicitadas. Tiveron unha taxa de éxito do 91%, conseguindo 21 proxectos dos 23 solicitados, o que supón case o 50% dos proxectos concedidos á Universidade de Vigo.

200.000 para o CIM

No CIM, Centro de Investigación Mariña, conseguiuse financiamento por valor de algo máis de 200.000 euros para pór en marcha dous novos proxectos, un no que se tratará de medir o efecto da radiación solar e a temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios de porto Foster en Illa Decepción, na Antártida, dirixido polo profesor Mariano Lastra, e outro no que se fará unha estimación do censo efectivo e a depresión consanguínea utilizando datos xenómicos, de Armando Caballero.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.