O embaixador de Irlanda en España constata na ECIMAT a fortaleza da investigación mariña

Dous meses despois a súa toma de posesión, o pasado mes de setembro, o embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth, visitou a Estación de Ciencias Mariñas da UVigo para coñecer o traballo que se está a desenvolver dentro do CIM-UVigo no ámbito da investigación mariña.

Acompañado do director da ECIMAT, José Manuel Estévez, e do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) e Campus do Mar, Daniel Rey, Frank Smyth coñeceu as actividades que se desenvolven no centro. O diplomático interesouse por visitar a Estación logo que un dos seus traballadores, Miguel Ángel Otero, que forma parte do equipo vigués Keltoi de fútbol gaélico, considerado o deporte máis popular en Irlanda, lle falase da relación que investigadores do CIM manteñen con homólogos irlandeses. “Nós estamos nuns cantos proxectos con irlandeses e máis desde o Brexit, co que eles, e é unha apreciación miña, están a xogar un papel máis artellador de relacións no Atlántico”, destaca Daniel Rey, que tamén lembrou ao embaixador a integración da Ecimat no European Marine Biological Resource Centre (EMBRC- ERIC), unha infraestrutura de investigación continental que naceu en 2013 para coordinar e harmonizar o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa.

A participación do CIM, a través do Campus do Mar, no proxecto Marenet, no que tamén toman parte o IMDO (Irish Maritime Development Office) e o Instituto Tecnolóxico Mariño da Universidade de Cork foi outra das liñas de traballo conxuntas que Rey lembrou ao embaixador durante a súa visita. “Con eles estamos preparando un Erasmus+ como continuación do Marenet, e con eles estamos a traballar este días na creación dun centro sobre coñecemento atlántico mariño”, explica o director do CIM.

As actividades do CIM contan co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)