Catro dos seis proxectos da Universidade de Vigo para fomentar o coñecemento científico entre a sociedade e incentivar as actividades da ciencia cidadá que acaban de obter o recoñecemento da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología, FECYT, están liderados polo Centro de Investigación Mariña da UVigo. As catro propostas, que recibirán un financiamento de máis de 90.500 euros, foron seleccionadas no marco da convocatoria para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, que ten como finalidade conseguir o achegamento dos resultados científicos á cidadanía e mellorar a educación científico–técnica da sociedade en todos os niveis.
A auga aparece como fío condutor de case todas elas, ben dende o punto de vista da investigación mariña e ambiental, ben dende o eido termal, con proxectos sobre a monitoraxe da costa, a creación dun videoxogo sobre o impacto do cambio climático nos océanos ou a divulgación da ciencia mariña desenvolvida por mulleres, pasando pola posta en valor do patrimonio termal de Galicia.
Sentinelas da costa
O proxecto que acadou maior orzamento, 35.000 euros, é Sentinelas da costa, unha proposta que se enmarca dentro dun proxecto xa en marcha, CoastSnap, que pretende monitorizar as praias e a dinámica costeira obtendo datos a través das fotografías que envían os visitantes dos areeiros. A iniciativa xurdiu en Australia en 2017 e en Galicia está sendo coordinada pola investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM-UVigo) Rita González Villanueva, coa finalidade de caracterizar a variabilidade espazo-temporal dos sistemas costeiros a nivel estatal e local involucrando á cidadanía na actividade científica, e promovendo a súa contribución activa na compilación de información que poida ser utilizada en pro da sociedade. Trátase de aproveitar “a realidade actual na que vivimos, un mundo permanentemente conectado, no que calquera cidadán dispón dun dispositivo móbil que lle permite capturar calquera aspecto da contorna que o rodea”. Grazas a esta achega, os investigadores da UVigo poderán instalar máis puntos de monitoraxe nas praias e mellorar os xa existentes en areais de Bueu, as Cíes, O Grove ou Muros, así como lanzar un concurso entre os usuarios, difundir os resultados do proxecto e desenvolver obradoiros formativos.
Misión azul
Outro dos proxectos seleccionados nesta convocatoria é Misión Azul, financiado con 27.500 euros. A investigación mariña e o cambio climático, unha proposta impulsada polo Centro de Investigación Mariña, que ten como obxectivo “mellorar a educación científica e tecnolóxica entre os escolares, os profesores e a sociedade en xeral, fomentando as vocacións científicas STEM, especialmente entre as nenas”. Con esta iniciativa tamén se conmemora o inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030. En concreto, Misión Azul baséase no desenvolvemento e adaptación de contidos científicos e a elaboración dun videoxogo interactivo de alta calidade que aborde a realidade do impacto que o cambio climático ten nos océanos. Os usuarios poderán interactuar cun ecosistema mariño protexido e modificar as variables ambientais afectadas, experimentando interactivamente os seus efectos sobre o medio.
Desafíos do océano: científicas ao mando
Tamén relacionado coa contorna mariña, esta convocatoria financiará con 18.000 euros o proxecto Desafíos do océano: científicas ao mando, unha proposta do Campus do Mar liderda tamén por Daniel Rey, director do Centro de Invesetigación Mariña da UVigo, para crear unha miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración para dar a coñecer a investigación que desenvolven mulleres científicas das institucións que pertencen ao campus de excelencia internacional. As protagonistas das pezas serán Celia Olabarría, Lucía Viñas, Marta Álvarez, Ana Bernabeu, Silvia Torres e Carmen González Sotelo, que abordarán temas accesibles pero de especial relevancia como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca. O proxecto tamén comprende a celebración dun concurso para alumnado de 1º de Bacharelato da rama científica de toda España, na procura de 12 mozos e mozas que poderán gozar dunha estadía de dous días cunha das científicas protagonistas da miniserie. A finalidade é que se involucren no día a día do traballo de investigación científica mariña e participen, de forma activa, no capítulo da miniserie, establecendo un diálogo entre as científicas e o alumnado participante.
Microrreservas de praia
Outro dos proxectos financiados pola FECYT é Microrreservas de praia: a concienciación social como elemento clave na recuperación de areais, un proxecto piloto que se vai desensolver no concello de Nigrán coordinado pola empresa Hydrosphere, unha spinoff do grupo EZ1 do CIM, coa participación tamén do grupo XM1. Cunha subvención da FECYT de 10.000 euros, esta iniciativa trata de poñer en valor o patrimonio natural de praias que actualmente están orientadas ao ocio, achegando o coñecemento científico á cidadanía e facéndoa partícipe da súa conservación e renaturalización. Para conseguilo, porase en marcha unha campaña de participación pública e concienciación social innovadora, baseada na creación de microrreservas en praia América, coas que se pretende restrinxir a intervención humana e evitar o impacto causado por actividades como as pisadas continuas ou os labores de limpeza. A finalidade é manter estas zonas libres de alteracións e favorecer unha renaturalización progresiva, para o seu uso como aulas vivas de educación ambiental, onde impartir talleres didácticos para todos os públicos.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI