Os centros singulares de investigación de Galicia, referente de innovación e excelencia para a Fundación CYD

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o resto de centros singulares de Galicia son un referente en innovación e excelencia para a Fundación Conocimiento y Desarrollo (CYD). Así o recolle no seu último anuario, publicado recentemente.

Este modelo que impulsa a Xunta dende hai unha década e ao que pertence o CIM-UVigo é un exemplo de boas prácticas para a fundación, a cal é promotora de dar visibilidade á contribución que as universidades españolas exercen sobre o desenvolvemento económico e social do país.

A publicación, das máis prestixiosas de España no campo académico, analiza o programa de centros de investigación de excelencia do Sistema Universitario Galego (SUG) implementado pola Xunta como “un caso singular” que exerce de elemento tractor de cambio e mellora das universidades.

O CIM-UVIGO é o elemento central da estratexia mariña da Universidade, e constitúe un polo interdisciplinar de referencia aos niveis local, estatal e internacional no ámbito da xeración e transferencia do coñecemento do mar. O centro está integrado por 15 grupos de investigación e 3 investigadores individuais que aglutinan en total a máis de 200 persoas.

Fonte: El Correo Gallego

Máis información: Informe Fundación CYD