O proxecto Zosteco identifica diversas accións de mellora de xestión das praderías mariñas

O proxecto Zosteco identifica diversas accións de mellora de xestión das praderías mariñas

O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo e conta coa participación dos investigadores do Centro de Investigación Mariña Emilio Fernández, Gonzalo Méndez e Jesús Troncoso

Para preservar as praderías mariñas é necesario mellorar as redes de saneamento e depuración dos concellos costeiros e establecer tamén novas medidas relacionadas coa eliminación dos vertidos asociados ás industrias establecidas no litoral. Estas foron as dúas medidas que máis consenso suscitaron entre as persoas asistentes á última xuntanza de traballo do Zosteco, unha reunión que se celebrou recentemente de forma simultánea en Redondela e Santander e na que participaron representantes de pescadores, mariscadoras, administradores públicos, usuarios do espazo natural, empresas de actividades recreativas, organizacións ambientalistas, investigadores, etc. Déronlles a benvida a alcaldesa da vila, Digna Rivas, e o catedrático da Universidade de Vigo Emilio Fernández, investigador do Centro de Investigación Mariña e responsable do proxecto no que tamén participan os investigadores do CIM Gonzalo Méndez e Jesús Troncoso.

O proxecto Zosteco, liderado pola Universidade de Vigo e no que tamén participa o Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria, ten como principal obxectivo avaliar e cartografar os beneficios que xeran as praderías mariñas á sociedade e explorar os principais conflitos e sinerxías que se establecen entre estas e as actividades humanas, coa finalidade de mitigar los impactos que se derivan e permitir unha máis adecuada xestión dos espazos naturais obxecto de estudo: a baía de Santander, en Cantabria, e a enseada de San Simón na ría de Vigo.

Próximo xa á súa finalización –prevista para finais de novembro-, o proxecto sintetizou xa o coñecemento publicado sobre estas dúas zonas e explorou o coñecemento acumulado polas persoas que desenvolven a súa actividade nestes espazos naturais.

Regular os usos destes espazos e facer plans de xestión específicos

Nesta última xuntanza celebrada en Redondela púxose de manifesto a conveniencia de regular os usos destes espazos, evitando aquelas actividades que modifiquen a marxe litoral, e priorizouse a necesidade de elaborar e executar plans de xestión específicos para estes espazos naturais. No caso da enseada de San Simón identificouse a necesidade de impulsar programas de educación ambiental e concienciación cidadá nos centros educativos e a través das empresas da contorna, mentres que no caso da baía de Santander formulouse a posible recuperación de recheos que permita reducir o proceso de colmatación que experimenta na actualidade a baía de Santander.

As conclusións alcanzadas na xuntanza serán agora remitidas aos responsables implicados nas correspondentes tomas de decisións sobre as medidas propostas en ambas comunidades autónomas.

No proxecto colaboran a Xunta de Galicia a través da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; o Gobierno de Cantabria a través da Consejería de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente; o Concello de Redondela; representantes da pesca artesanal (Confederación de Pescadores de Galicia e en particular a confraría de Redondela); colectivos ambientalistas (ADEGA) e investigadores da Fundación Lonxanet.

Fonte: DUVI