As actividades arrancan este venres e sábado no campus de Vigo, na ECIMAT e na ría e rematan o vindeiro venres 29 no Campus de Ourense
Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os seus centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o resto de centros de investigación da UVigo desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.
As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.
O CIM abre este venres 22 as súas instalacións do campus de Vigo e o sábado 23 as da Ecimat en Toralla, ás que se suma a posibilidade de participar nunha viaxe en barco pola ría. A finalidade é que a cidadanía coñeza a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia de cara á sociedade.
As persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada ás instalacións do CIM no campus de Vigo o venres, percorrendo varios grupos de investigación no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia da Universidade de Vigo. Os participantes terán o reto de dar resposta a catro preguntas durante a súa visita e as e os que acerten recibirán un agasallo. Para esta visita haberá dúas quendas, unha ás 16 e outra ás 16.30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo, descubrir o funcionamento dun robot subacuático e outras experiencias de investigación mariña. Para esta actividade ofértanse tres quendas, dúas de mañá, ás 09.00 e ás 12.15 e unha de tarde, ás 16.00. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense, en concreto ao grupo de investigación EPhysLab, a partir das 12.00 horas.
A actividade divulgadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI