‘O cambio climático’ amplía a colección ‘Esenciais’ do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo Esenciais: Breviarios de divulgación do saber incorpora tres novos volumes á colección que o pasado mes de marzo lanzou o Servizo de Publicacións da UVigo. Un destes libros é O cambio climático, un libro de Diego Fernández Nóvoa, Marisela Des Villanueva e Moncho Gómez Gesteira, investigadores do grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
Este e os outros dous volumes incluídos na colección, Feminismo e A astrofísica, son libros de pequeno formato co que a colección segue a apostar pola divulgación en galego, ofrecendo ao público, tanto especializado, coma non, unha serie de pequenas e concisas introducións a conceptos esenciais do saber dos diferentes ámbitos do coñecemento. Cun formato 11×17, contan cunhas 100 páxinas e un prezo simbólico de 5 euros.
Diego Fernández Nóvoa, Marisela Des Villanueva e Moncho Gómez Gesteira destacan en relación co seu volume que “os cambios no clima sucedéronse ao longo da historia do noso planeta debido a mecanismos naturais. Non obstante, o cambio climático actual ten a singularidade de estar tamén afectado polo ser humano. Este efecto antropoxénico potencia o quecemento global, incrementando a velocidade dos cambios e limitando a capacidade de adaptación das especies ás novas condicións”. Neste sentido, os autores de O cambio climático sinalan que mesmo variacións pequenas, como décimas de grao na temperatura, poden ser desfavorables para moitas especies, levando á extinción dalgunhas delas. “O coñecemento dos cambios climáticos, tanto os pasados coma o actual, permite desenvolver ferramentas de mitigación e adaptación para enfrontarse aos cambios futuros do mellor xeito posible”, explican.
A actividade divulgadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI