29 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo forman parte do 2% de científicos máis citados do mundo, segundo se pode extraer da máis recente actualización do ránking elaborado pola Universidade de Stanford, que reúne nunha base de datos aos 186.000 científicos e científicas máis influentes en 22 campos e 176 ‘subcampos’. Entre estes autores e autoras atópanse 10 integrantes do CIM-UVigo.
Elaborada por John P. A. Ioannidis, da Stanford University, xunto con Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, e Jeroen Bass, de Elsevier, esta base de datos ten como obxectivo proporcionar “información estandarizada” sobre o número de citas, a partires dun indicador creado para este proxecto e co que establecen dúas clasificacións de investigadores e investigadoras, tendo en conta ou non as autocitas a traballos previos. A súa última actualización, publicada recentemente por Plos Biology, sitúa 29 investigadores e investigadoras da UVigo entre os máis citados do mundo ao longo da súa traxectoria e un total de 36 no que referido á produción científica no ano 2020.
Autores e autoras destacados en 17 áreas
No campo da Bioloxía Evolutiva o investigador do CIM-UVigo Armando Caballero é o cuarto autor español máis citado e o 456 do mundo. No campo de Agronomía e Agricultura, o investigador Jorge Domínguez atópase entre os 300 máis citados, mentres que no campo da Bioloxía Mariña e Hidrobioloxía figura o tamén membro do CIM Emilio Marañón.
Na área de Química Analítica, sitúanse neste ránking os investigadores Carlos Bendicho e Francisco Pena Pereira, mentres en Ciencias Medioambientais o CIM está representado por Ricardo Beiras. Pola súa banda, Alberto Velando figura entre os 500 autores máis citados de Ciencias do Comportamento e Psicoloxía Comparada. O membro do CIM José Luis Soengas é o único investigador español da área de Fisioloxía neste ránking.
Por outra banda, o investigador Ramón Gómez Gesteira ocupa o segundo posto en España no ránking de Oceanografía, do que tamén forma parte Alejandro Crespo.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI