A relevancia do tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera para o estudo do efecto do cambio climático no ciclo hidrolóxico global

Nesta revisión, os e as autoras discuten a relevancia do tempo de residencia como un indicador clave de variacións importantes no ciclo hidrolóxico presente e futuro

O catedrático Luis Gimeno encabeza o equipo internacional que elaborou o traballo

Hai catros anos no congreso internacional da European Geophysical Union que tivo lugar en Ourense, organizado polos docentes e investigadores do campus de Ourense Luis Gimeno e Raquel Nieto, e no que participaron practicamente todos e todas as científicas destacadas no transporte da humidade na atmosfera, evidenciouse a necesidade de traballar como prioridade no tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera. “É un compoñente fundamental no coñecemento do ciclo hidrolóxico, e é un indicador esencial de como o ciclo hidrolóxico se ve alterado por procesos dinámicos e termodinámicos relacionados co cambio climático”, explica o catedrático do Departamento de Física Aplicada da UVigo Luis Gimeno, que xunto a Raquel Nieto lidera o artigo The residence time of water vapour in the atmosphere (O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera) que hoxe publica a revista Nature Reviews Earth and Enviroment (NREE). “Os investigadores que participamos en outubro de 2016 no congreso internacional traballamos desde entón independentemente nos seus grupos e tras catro anos Nature decide que o tema é moi relevante para o cambio climático e invitounos”, aclara o investigador do grupo EPhysLab CIM-UVigo sobre a orixe do traballo, no que tamén participaron investigadores do ETH (Instituto Politécnico de Zurich), a Universidade de Illinois en USA, a Universidade De Costa Rica, a Universidade Técnica de DElf nos Países Baixos e a Universidade de Bergen en Noruega, ademais do docente do Centro Universitario da Defensa en Marín e investigador asociado de EPhysLab Jorge Eiras-Barca.

Nesta revisión, os e as autoras discuten a relevancia do tempo de residencia como un indicador clave de variacións importantes no ciclo hidrolóxico presente e futuro, poñendo en contexto os traballos de investigación dos distintos grupos e dándose directrices para investigacións futuras, sobre todo nas implicacións que ten como parámetro relevante para cuantificar cambio climático no ciclo hidrolóxico global. “O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera é un tema recorrente no noso campo, de xeito directo ou indirecto é algo que precisamos para avaliar outros parámetros como as fontes de humidade, tema no que levamos máis dunha década traballando”, detalla Luis Gimeno que lembra que o ano pasado publicaron un artigo noutra revista do grupo Nature Scientific Data cunha base de datos relativa a este parámetro e que foi actualizado este ano noutra publicación da mesma revista.

Un indicador que varía a medida que cambia o clima

Gimeno destaca a importancia da decisión de NREE de publicar o traballo do equipo que lidera, sobre un parámetro que afirma será determinante nos próximos anos cando se estude o efecto do cambio climático no ciclo hidrolóxico global, “pois é unha especie de resumo de todo o ciclo e moi, moi sensible ao quecemento global”, asegura. O tempo de residencia do vapor de auga tamén varía, explica, a medida que cambia o clima, de xeito que o vapor aumenta arredor dun 7% por grao de quecemento da superficie por causas puramente termodinámicas, mentres que a precipitación global increméntase só arredor do 2% como resultado de limitacións enerxéticas, o que dá como resultado un aumento do tempo de residencia do vapor de auga co quecemento global.

“Isto veuse que ocorre, tanto en modelos, como en observacións, polo que se espera un aumento futuro nun escenario de altas emisións”, explica Luis Gimeno.

Un elemento clave na comprensión dos cambios extremos de precipitación

O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera, confirman as e os investigadores, é importante non só desde o punto de vista teórico, senón tamén pola súa influencia noutros parámetros clave do ciclo hidrolóxico, como os relacionados coa determinación de fontes e sumidoiros de humidade, vinculando a evaporación e a precipitación a diferentes escalas espaciais. “Tamén é un elemento clave na comprensión dos cambios nos extremos de precipitación e na relación fontes oceánicas versus terrestres na precipitación sobre os continentes”, explica Luis Gimeno, que sinala que as discrepancia nas distintas cuantificacións no tempo de residencia do vapor de auga global son bastante sorprendentes, variando desde catro a cinco días, aos máis habituais de oito a 10 días.

No traballo publicado hoxe en Nature Reviews Earth and Enviroment ponse de manifesto que a escala rexional o tempo de residencia é moi variable, porque depende moitos procesos físicos diferentes que dan como resultado distintos valores de tempo de residencia asociados con diferentes patróns de sistemas. “Polo tanto, existe un espectro de tempos de residencia rexional, desde tempo curtos e próximos a catro ou cinco días nos trópicos ou en rexións extratropicais de paso de borrascas, ata tempos maiores a 10 días en rexións polares”, constata o catedrático.

Fonte: DUVI