‘Scientific Reports’ publica un estudo vigués sobre a orixe común de todos os morfotipos raros de pescada

O traballo forma parte da tese de doutoramento de María Fernández

A revista científica Scientific Reports, pertencente ao grupo Nature, recolle os resultados dun estudo liderado por persoal investigador do Grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e do grupo AquaCOV, do Instituto Español de Oceanografía, que achega a proba molecular dunha orixe común de todos os morfotipos raros propostos como especies crípticas de pescada no Cono Sur. A investigación foi realizada entre o ano 2000 e o 2020, mediante unha mostraxe mundial das especies válidas de pescada e nove morfotipos, nas súas áreas de distribución entre o Atlántico occidental sur, Pacífico sur oriental e Pacifico sur occidental.

O artigo, titulado Phylogenetic prospecting for cryptic species of the genus Merluccius (Actinopterygii: Merlucciidae é froito do traballo conxunto de Montse Pérez, científica do IEO; Pablo Presa, investigador do CIM; María Fernández Míguez, investigadora de doutoramento da UVigo e dos expertos taxónomos Jesús Matallanas, da Unidade de Zooloxía da Universidad Autónoma de Barcelona, e Domingo Lloris, do Institut de Ciències del Mar (Cmima-CSIC) de Barcelona. Segundo explica o equipo, “as pescadas do xénero Merluccius inclúen 11 especies válidas, así como unha serie de  morfotipos raros coñecidos como especies  crípticas”. Os investigadores identificaron estes morfotipos do Pacífico sur e do Atlántico sur e asignounos á columna vertebral filoxenética deste xénero. “Este achado foi posible grazas ao emprego da concatenación filoxenética de secuencias de xenes nucleares coma o ITS1-rDNA e xenes mitocondriais coma o Citocromo b, xunto co deseño de PCR aniñadas do rDNA”.

Un fenómeno natural de hibridación

Segundo explican os autores do traballo publicado por Scientific Reports, no artigo “demóstrase que a multitude de morfotipos descritos neste xénero é un fenómeno natural de hibridación entre especies con xenomas próximos e rangos solapados”. Así, este estudo ten unha importante implicación, xa que “demostra que non se poden reivindicar ditos morfotipos como representantes potenciais de novas pesqueiras”.

Dentro dos resultados da investigación, os autores tamén indican que “as análises bayesianas sinalaron a M. bilinearis e M. albidus como as especies máis antigas do xénero e do grupo do Novo Mundo, respectivamente. A situación filoxenética de M. angustimanus da parte superior do golfo de California suxire a súa orixe híbrida entre M. gayi e M. productus hai aproximadamente 0,25 millóns de anos, aínda que non se pode descartar un confinamento desde entón dun subconxunto desas especies”. Ademais, engaden, os resultados amosan “unha orixe común de todos os morfotipos raros e a ausencia de especies crípticas de pescada no Cono Sur”. A pegada molecular dos morfotipos distribuídos entre o Pacífico occidental sur de Nova Zelandia e o Atlántico occidental sur de Arxentina é compatible coa súa orixe híbrida respectiva entre M. gayi e ambos, M. australis ou M. hubbsi”.

O artigo e o estudo que o avala forman parte e dan continuidade á liña de traballo que desenvolve o grupo de investigación ReXenMar do CIM, con sede na Facultade de Bioloxía, en colaboración co grupo AquaCOV do IEO. Os traballos deste equipo da Universidade de Vigo están enfocados a campos de investigación como a xenética pesqueira, forense e acuícola. As conclusión recollidas no artigo forman parte do primeiro capítulo da tese de doutoramento de María Fernández Míguez, dirixida polos investigadores Pablo Presa (CIM) e Montse Pérez (IEO) e financiada polo programa de bolsas de doutoramento da Xunta de Galicia.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

 

Máis información no DUVI