O proxecto PuertAlMar deseña un programa divulgativo sobre a importancia dos ecosistemas mariños portuarios

O proxecto PuertAlMar, impulsado polo Porto de Vigo e o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo en colaboración co Puerto de Melilla, naceu coa finalidade de recuperar e conservar as áreas alteradas en contornas marítimo-portuarias e analizar os seus beneficios para o desenvolvemento de actividades pesqueiras sostibles. Para iso, os investigadores do CIM Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López traballaron coa biomimética para deseñar, construír e instalar na dársena da Laxe estruturas artificiais a modo de arrecifes submarinos. Estas estructuras favorecen o asentamento de organismos e o consecuente aumento de biodiversidade e fixación de carbono nas zonas portuarias.

Financiado pola Fundación Biodiversidad a través del Programa Pleamar, o proxecto PuertAlMar ten, ademais desta compoñente científica e social, unha vertente divulgativa moi destacada. Por isto, tras máis dun ano de traballo, as institucións que o coordinan organizan al longo do mes de abril un programa de actividades formativas dirixidas, por unha banda, a escolares e, por outra, a profesionais do sector. Nestas xornadas a idea é transmitir a importancia dos ecosistemas mariños costeiros e as posibilidades de integración das actividades industriais coa súa conservación, co obxectivo de incrementar a concienciación sobre a necesidade de atopar solucións innovadoras e verdes que permitan un equilibro entre o bo funcionamento dos ecosistemas e as actividades económicas.

Así, os días 14, 15 e 16, terán lugar tres xornadas virtuais formativas e de sensibilización con escolares de Secundaria e Bacharelato de Vigo e Melilla, e os días 23 3 30 dúas xornadas de visita ao Porto de Vigo. Nestas xornadas participarán o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e os investigadores e investigadoras do Grupo de Ecoloxía Costeira do CIM Jesús Troncoso, Mariano Lastra, Jesús López e María Veiga. Finalmente, e como peche do proxecto, o día 21 deste mes terá lugar un obradoiro con profesionais do sector da economía azul para presentar os principais resultados do proxecto e para xerar un espazo no que compartir outras experiencias e boas prácticas na conservación e recuperación de contornas mariñas degradadas.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Máis información no DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)