Investigadores do CIM publican un libro sobre a aplicación práctica da computación na nube e sen servidor

Despois dunha década de desenvolvemento, unha elevada porcentaxe da poboación, incluindo a comunidade científica, utiliza na actualidade a computación na nube. Sen embargo, a pesar deste uso xeneralizado, os seus usuarios non son plenamente conscientes do potencial desta tecnoloxía. Para axudar neste sentido e co obxectivo de achegar ao público interesado exemplos prácticos do uso da computación na nube e a computación sen servidor, investigadores do CIM do campus de Ourense publicaron o libro Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer. Os autores da publicación, da editorial internacional Springer, son Juan Antonio Añel, profesor e investigador do Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM); Diego Pérez, investigador de doutoramento do mesmo grupo; e Javier Rodeiro, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

O libro, explican os seus responsables, ofrece unha introdución á computación na nube e á computación sen servidor a alumnado, persoal investigador e organizacións de I+D a través de varios exemplos prácticos. “En vez de centrarse exclusivamente nos problemas computacionais relacionados coa computación na nube, centrámonos en abordar as aplicacións multidisciplinares da computación na nube para o traballo diario de investigación en institucións públicas e empresas privadas”, sinalan os seus autores. Os exemplos inclúen campos de aplicación como a arqueoloxía, as xeociencias, as ciencias da computación, a medicina e a física. Adicionalmente, a publicación pode ser útil para profesionais das tecnoloxías da información que queiran coñecer as necesidades actuais e futuras da comunidade científica.

Con 3000 copias en formato de libro electrónico vendidas desde a súa publicación, os seus responsables destacan a boa acollida que está tendo a obra entre diferentes públicos.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Máis información no DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)