O proxecto Seafeed presenta un sistema autónomo e intelixente de alimentación para acuicultura

O Centro de Investigación Mariña participou no deseño dun sistema de alimentación flotante para engorde de piscifactorías autónomo, intelixente, fácilmente transportable e enerxeticamente eficiente. A plataforma, impulsada por un consorcio liderado por Feeding Systems, foi presentada hoxe nas instalacións de Montajes Cancelas, en Moaña, coa presenza de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e varios representantes de todos os membros do consorcio, formado polas empresas Feeding Systems, Engranor, Quantum Innovative, Montajes Cancelas e a Universidade de Vigo, na que participa ademáis do CIM o grupo CIMA da Escola de Enxeñería Industrial. O proxecto desenvolveuse no marco do programa Conecta Peme 2018, subvencionado pola GAIN co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria de la Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE.

O prototipo final presentado é o froito do proxecto Seafeed, que botou a andar en marzo de 2018 co fin de deseñar e fabricar un alimentador que servise para granxas acuícolas pequenas e medianas e afromtase a necesidade da industria galega da acuicultura de contar con desenvolvementos propios apoiados en innovacións tecnolóxicas. Durante o desenvolvemento do proxecto, o tecido empresarial e o investigador uniron as súas forzas para crear un sistema ad hoc que se adaptase ás granxas de menor tamaño. O persoal do CIM achegou os seus coñecementos para a definición dos parámetros biolóxicos das especies de acuicultura que definen a actuación e control intelixente do conxunto.

Agora queda por diante a etapa da comercialización dos deseños, da que se encargará directamente Feeding System SL, a través de Fish Farm Feeder. Nos últimos meses e unha vez rematada a construción desta primeira unidade, xa contactaron co consorcio seis empresas interesadas en contar cun destes alimentadores, polo que dende Fish Farm Feeder se mostran moderadamente optimistas respecto do futuro comercial do proxecto.

Máis información no DUVI.