O grupo de Bioloxía Ambiental descobre dúas novas especies de hidrozoos nos fondos mariños da costa africana

André Freiwald, Marta Gil e Fran Ramil en 2016 no Senckenberg am Meer, Wilhelmshaven, Alemania

Investigadores do grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, acaban de publicar un artigo na revista científica Deep-Sea Research Part I no que describen dúas novas especies de hidrozoos atopadas en augas frías da costa oeste do continente africano, a máis de 400 metros de profundidade. Este achado chega da man da investigadora Marta Gil, quen levou a cabo este estudo supervisada polos investigadores, Fran Ramil, do CIM, e André Freiwald, director do instituto alemán Senckenberg and Meert Wilhelmshaven.

As novas especies foron bautizadas como Rosalinda nowaldi e Rosalinda lundavi e pertencen ao xénero Rosalinda, no que ata o de agora se incluían catro especies distribuidas xeograficamente por todo o mundo. Ambas apareceron sobre cadansúa cuncha de bivalvo: Rosalinda nowaldi sobre a cuncha de Acesta angolensis, no norte de Angola, e Rosalinda lundavi, sobre unha de Acesta excavata, en Mauritania.

“Sempre é importante que coñezamos o ambiente que nos rodea e, neste contexto, os hidrozoos son un grupo relevante dentro da epifauna sésil e nas comunidades bentónicas”, recalca Gil, que fai tamén fincapé en que se trata dun grupo taxonómico capaz de formar ecosistemas tridimensionais facilitando o asentamento de outros invertebrados e incrementando a biodiversidade dos fondos mariños. “Ademais, son bos indicadores da calidade ambiental, xa que están presentes en todos os ecosistemas, de aí a importancia de seguir afondando no seu estudo”, subliña a autora do artigo.

Ademais deste artigo, Marta Gil e Fran Ramil, publicaron tamén recentemente outro estudo, fixérono na revista Zootaxa e asinado con outro dos investigadores do grupo, José Ángel Ansín. Neste caso, os investigadores presentan as especies de hidrozoos bentónicos recolectados nos arrecifes de coral nas augas frías de Mauritania nas que se identificaron un total de 35 especies, 26 xéneros e 16 familias, das cales 33 especies medraban neste hábitat. Entre elas, dúas de nova descuberta: Nemertesia freiwaldi, e Nemertesia caboverdensis. Os resultados deste estudo resaltan a alta afinidade entre a fauna de hidrozoos dos arrecifes de coral das augas frías de Mauritania e da rexión atlántico-mediterránea, diferentes da que se dá nas augas tropicais do leste Atlántico.

Con estes novos achados son xa máis de 40 especies e catro xéneros novos de diferentes grupos taxonómicos os que se sacaron á luz desde o grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, un equipo que centra boa parte da súa actividade no estudo da biodiversidade da fauna mariña bentónica e a súa conservación, prestando especial atención á fauna de augas profundas.

Nova completa no DUVI