O proxecto Encorat busca reducir a mortalidade do corvo mariño cristado provocada polas artes de pesca

Corvo mariño cristado. Foto: David Álvarez

O grupo de Ecoloxía Animal (GEA) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acaba de conseguir financiamento da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para poñer en marcha o proxecto Encorat. Con este proxecto, José Carlos Noguera (GEA, CIM) e os seus colaboradores pretenden reducir a mortalidade do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), unha especie ameazada cunha importante poboación en Galicia, nas artes de enmalle das augas galegas e asturianas.

O corvo mariño cristado é unha ave mariña que vive nos tramos rochosos da costa. Nos últimos anos viuse especialmente ameazada e a súa poboación experimentou unha importante regresión en toda España. Entre as principais causas deste descenso poboacional está a sobrepesca das súas especies presa, a contaminación por hidrocarburos e os accidentes que se producen nas artes de pesca. Aínda e todo, esta especie ten en Galicia a poboación más importante de toda a península ibérica. O persoal investigador do GEA, ccordinado por Alberto Velando, leva anos estudando a evolución desta especie e buscando solucións que protexan a súa supervivencia. Entre as conclusións dos seus estudos detectaron que unha das ameazas máis importantes é a mortalidade accidental que se produce nas artes de pesca de enmalle, especialmente nos populares “trasmallos”.

Por este motivo, o obxectivo do proxecto é reducir a mortalidade desta especie nas artes de enmalle, para o que os investigadores traballarán, ao longo deste 2021, en augas de Galicia e Asturias. O proxecto, dirixido polo investigador do GEA José Carlos Noguera, conta cun orzamento de preto de 83.000 € cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo y de Pesca (FEMP 2020). Como explica o coordinador do estudo, a finalidade de Encorat é dobre, xa que se estudará a efectividade dun prototipo que evite os accidentes ao tempo que se realizará un estudo sobre a distribución das aves. Xunto con Noguera, forman parte deste proxecto os profesores Alberto Velando e Sin-Yeon Kim, do Grupo de Ecoloxía Animal (CIM), e os técnicos Álvaro e David Álvarez, da Universidade de Oviedo.

Evitar os accidentes e coñecer a distribución desta especie

No que se refire á primeira parte do proxecto, os investigadores pretenden reducir a captura accidental do corvo mariño cristado mediante a instalación nas redes de dispositivos luminosos tipo LED. “Estas luces farán que os corvos mariños poidan detectar a presenza das redes dentro da auga e así evitalas”, destaca José Carlos Noguera. Tamén se estudará o posible efecto das luces na captura das especies comerciais de peixe, “xa que o que se pretende é reducir a mortalidade dos corvos mariños sen afectar ao rendemento da pesca”.

A segunda parte do proxecto centrarase en marcar un número importante de corvos mariños cristados xuvenís, que é “o sector da poboación máis afectado por esta mortalidade”, con dispositivos de seguimento GPS para así coñecer en detalle as súas áreas de distribución e ver en que medida se solapan coas zonas de maior presión pesqueira”.

A intención dos investigadores é que, se o proxecto acada os obxectivos esperados, este tipo de medidas se apliquen “alí onde se están producindo as mortalidades máis importantes” desta especie e tamén “dun xeito xeneralizado” dentro dos espazos naturais protexidos pola Rede Natura “que conten con importantes poboacións” desta ave mariña, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Xornada de traballo

A colaboración de confrarías, ONGs e outras asociacións é moi imporante para o desevolvemento do proxecto, polo que o vindeiro día 22 de febreiro, os investigadores participarán nunha xornada de difusión sobre o proxecto para achegalo a todos os sectores implicados neste eido. A xiera será en modalidade virtual e será difundida a través da web e redes sociais do CIM.

Máis información no DUVI.