O CIM conmemorará de forma virtual o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

A pesar da pandemia e das restricións por motivos sanitarios, a Universidade de Vigo fixo unha aposta firme por tentar manter a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora o vindeiro día 11. Así, as charlas divulgativas de diferentes investigadoras que se viñan organizando dentro da Iniciativa 11F en centros educativos de toda Galicia, as charlas e visitas que realizaba o Centro de Investigación Mariña (CIM) nas súas instalacións, e os tradicionais obradoiros de Elas Fan CienTec, pasarán a celebrarse virtualmente.

Actividades desenvoltas dende o CIM

Dende o CIM organizaranse actividades en liña para alumnado de secundaria, tanto rapaces como rapazas, de diferentes centros educativos de toda Galicia. O programa desenvolverase o día 12 e contará, por unha banda, coa Asociación Faraxa, que reflexionará sobre a necesidade do 11 F e, por outra, coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, quen presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal. Ademais, o estudantado participante poderá facer unha visita virtual ao CIM, aprender sobre os principais hitos dalgunhas mulleres científicas da historia e sobre algunhas investigadoras do CIM a través dun xogo, e participar en debates sobre todo o aprendido.

Ademais, ao longo de todo o mes de febreiro, un total de 8 investigadoras ofrecerán a 6 centros educativos de toda Galicia 6 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. As investigadoras conectcarán virtualmente con escolares de diferentes idades, presentando o seu traballo, propoñendo materiais e xogos para visibilizar o papel da muller na ciencia, espertar vocacións científicas entre as nenas e sensibilizar sobre a situación actual de desigualdade de xénero. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febrero, que se organiza a nivel nacional con motivo desta efeméride. Todas estas actividades contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.

Segregación na ciencia e na academia

Todas estas actividades, que as docentes e investigadora das UVigo organizan co gallo do 11-F, buscan dar visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, amosar ás mozas de secundaria exemplos de mulleres que desenvolven súa traxectoria profesional no eido da ciencia e a enxeñaría e espertar vocacións nestes campos, especialmente masculinizados. Como explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, “na ciencia e na academia existe unha segregación vertical e horizontal por razón de sexo, que abonda no feito de que, por exemplo, as titulacións STEAM, as que son claves nos empregos do futuro, son as máis remuneradas e posúen un alto estatus social, carecen dunha presenza feminina ampla”. Isto, engade, vai redundar a medio prazo “no incremento do empobrecemento das mulleres. Hoxe a pobreza ten rostro de muller e se non cambiamos esta tendencia, isto agravarase no futuro”.

Por todo isto, a responsable da Igualdade na UVigo remarca a necesidade de realizar este tipo de actividades e mantelas, a pesar da covid-19, aínda que sexa en formato virtual. A este respecto, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, lembra que a Universidade conta con ferramentas como Campus Remoto cos que “estamos tentando que esta situación desfavorable non produza efectos moi negativos nas actividades que se desenvolven para seguir cumprindo cos obxectivos que nos marcamos”.

Ver noticia completa no DUVI