Investigadores do CIM recomendan a agrupación dos bancos marisqueiros en clústeres seguindo as características do sedimento

Miguel Ángel Nombela e Anxo Mena recollendo mostras para a realización deste estudo

Miguel Ángel Nombela, coordinador do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, e Anxo Mena, investigador deste mesmo grupo, publican na revista internacional Sedimentology, líder no seu campo, un estudo que agrupa os bancos marisqueiros en clústeres seguindo a composición e a textura do sedimento. O estudo supón un paso adiante á hora de controlar todos os factores que inflúen na produtividade de cada banco, e de xestionar deste modo cada un deles segundo as súas propias necesidades.

O traballo é froito da colaboración coa Xefatura Territorial da Consellería do Mar de Celeiro e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, sendo un “exemplo claro da colaboración científica entre diferentes organismos co obxecto común de tratar de dar respostas e axudar a resolver problemas sobre a xestión e explotación de recursos no medio mariño”, explica Miguel Ángel Nombela, investigador do CIM e decano da Facultade de Ciencias do Mar. A investigación realizouse nos bancos marisqueiros das Rías Altas e empregou unha  nova metodoloxía de análise estatística para rexistros sedimentarios. O resultado pon de manifesto que a produtividade dos bancos marisqueiros intermareais se ve afectada por unha ampla variedade de parámetros ambientais.

Analizáronse medio millar de mostras de 57 bancos marisqueiros

O novo método agrupou bancos marisqueiros ao combinar modelos paramétricos e análises multivariantes xunto con datos sedimentarios, tales como composición e tamaño de gran. “A idea inicial consistía en analizar a evolución no tempo dos sedimentos que constitúen o substrato sobre o que se asentan estes bancos”, explica Nombela, ao que engade que as mostras de cada banco foron recollidas cada cinco centímetros por cada rexistro sedimentario, cunha lonxitude de 50 cm. “Deste xeito, cada banco analizado tiña un total de dez mostras de sedimento”, apunta Mena, ao que engade que, en total, se analizaron 570 mostras pertencentes a 57 bancos marisqueiros das Rías Altas: 19 das ría de Ortigueira, incluídos os de Ladrido; 12 de Barqueiro; 10 de Ribadeo; 9 de Foz e 7 en Viveiro.

Estes espazos marisqueiros foron clasificados a través tanto da pegada xeolóxica da súa contorna como da influencia terrestre ou mariña sobre estes e, finalmente, puido demostrarse a fonda relación de dependencia entre as características da auga que cubre estes bancos e a composición do sedimento. “Ademais da importancia de poder relacionar as características de cada clúster coas características da auga sobre ese banco marisqueiro, podemos tamén relacionar a composición e características coa produtividade de cada un deles”, explican os investigadores.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI