O Centro de Investigación Mariña estrea ‘visita virtual’

Etiquetas
Cultivo de plancto nun dos laboratorios da Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, abrirá este venres e sábado 11 e 12 de decembro as súas portas ao público coa estrea da web virtualcim.uvigo.gal, unha plataforma na que acceder de xeito moi divulgativo ao traballo que realizan a diario os 15 grupos de investigación que forman parte deste centro. “Nestas xornadas damos a coñecer a investigación mariña e de vangarda que as nosas 200 investigadoras e investigadores desenvolven con paixón e dedicación ao longo de todo o ano”, explica Daniel Rey, director do CIM, no vídeo de presentación das xornadas, ao engade que pese ás difíciles circunstancias que se están a vivir derivadas da pandemia o centro non quixo renunciar á celebración dun evento que, ano a ano, lles dá a oportunidade de achegarse á cidadanía.

Esta particular visita virtual dá forma á cuarta edición das Xornadas Ciencia Singular, na que xa participaron máis de 700 persoas de Vigo e contorna, que puideron así achegarse ás diferentes instalacións do CIM e coñecer de preto que se fai neste centro e a importancia do traballo que realizan estes científicos e científicas para o conxunto da sociedade. “A nosa misión principal é contribuír á xestión e uso sostible dos océanos, os mares e os recursos mariños en xeral a través da investigación e a transferencia de coñecemento baseado na ciencia”, recalca Rey no vídeo. Como cada ano, as xornadas de Ciencia Singular están financiadas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Actividades moi divulgativas pensadas para o público en xeral

Nesta ocasión a visita virtual está estruturada en catro bloques que reflicten as catro áreas nas que se localizan os laboratorios do CIM: a Ecimat, na illa de Toralla; os edificios Olimpia Valencia e Ciencias Experimentais no campus de Vigo, e o edificio do Campus da Auga no caso de Ourense. En cada edificio, ademais de varias páxinas con vídeos e etiquetas informativas, existirá un chat e unha sala de videoconferencia a través do que o público poderá lanzar as súas preguntas e interactuar en directo co persoal investigador que traballa no CIM. Este faladoiro porase en marcha mañá venres e manterase aberto ata o venres 18, de modo que as persoas interesadas poidan deixar as súas mensaxes ou dúbidas que logo responderán as investigadoras ou investigadores que correspondan.

Tres millóns de euros anuais e publicacións científicas cada dous días

Ao igual que en anos anteriores a visita manterá o seu carácter marcadamente divulgativo e está pensada para o público en xeral. Neste sentido, desde o equipo organizador faise fincapé en que nos vindeiros meses os vídeos serán subtitulados para difundilos tamén a nivel internacional.

Na benvida virtual o director do CIM lembra que as investigadoras e investigadores deste centro son quen de acadar unha media de tres millóns de euros anuais e de publicar un artigo de investigación científica cada dous días, artigos nos que se abordan cuestións como o cambio climático, a contaminación, a biodiversidade mariña, o desenvolvemento das enerxías renovables ou a xestión integral e sostible da zona costeira.

Entre os numerosos investigadores e investigadoras que participan nos vídeos están Jesús Troncoso, Estefanía Paredes e Ricardo Beiras, do grupo de Ecoloxía Costeira; Fran Ramil, do de Bioloxía Ambiental; Elena Ojea, Raquel Ruiz e Xochitl Édua Elías, de Future Ocean Labs; Ana Bernabeu e Gianluca Marino, do grupo GEOMA; Carlos Bendicho, do grupo QA2, e Moncho Gómez, Iago Algarra e Marisela Des, de Ephyslab.

A plataforma virtualcim.uvigo.gal estará dispoñible desde mañá venres.

Fonte: DUVI