O CIM estudará nos océanos Atlántico e Austral o transporte de contaminantes de orixe humana

A docente e investigadora Cristina Sobrino

Desde mañá e durante os próximos 30 días investigadoras e investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participarán nunha expedición no océano Atlántico para estudar e cuantificar as entradas atmosféricas de contaminantes emerxentes e materia orgánica procedente da actividade humana nos océanos Atlántico e Austral, así como o seu impacto no mar. A expedición, que viaxa a bordo do buque Sarmiento de Gamboa, forma parte do proxecto Antom, no que participan, ademáis do CIM, o Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA-CSIC) e do Instituto de Química Orgánica General (IQOG-CSIC). A docente e investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM Cristina Sobrino explica que “este  proxecto ten o obxectivo de cuantificar a entrada de contaminantes atmosféricos, principalmente contaminantes orgánicos emerxentes, nos océanos Atlántico e Antártico, así como a súa transformación e efecto na columna de auga a través dos procesos bioquímicos”. A investigadora, xunto ao estudante predoutoral Paulo Alcaraz e o técnico do CIM Antonio Fuentes, conforman a representación da UVigo neste proxecto. A actividade investigadora do grupo de Oceanografía Biolóxica e o apoio técnico do CIM nesta campaña está cofinanciado polo Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

O traballo a bordo do Sarmiento de Gamboa día a día

O buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa partirá nas póximas horas do porto de Vigo e arribará a Punta Arenas (Chile) o 15 de xaneiro de 2021. Cada día, os equipos liderados por Sobrino, polos doutores Jordi Dachs e María Vila-Costa (IDAEA-CSIC) e por Begoña Jiménez (IQOG-CSIC) realizarán mostraxes de aire e auga, tanto da superficie, como de profundidade, así como de plancto, bacterias e outros microorganismos. “O CIM encargarase de estudar o efecto dos contaminantes orgánicos sobre o fitoplancto, así como papel deste na transformación deste contaminantes na columna de auga”, explica Cristina Sobrino en relación co traballo específico que desenvolverá o equipo da institución académica viguesa. As mostras recollidas serán enviadas a Vigo e Barcelona para o seu tratamento e análise, mentres as investigadoras e investigadores que participan na expedición estarán en contacto cos seus respectivos centros a través dunha conexión vía satélite reducida, que lle permitirá proporcionar información sobre o progreso da campaña a bordo do Sarmiento de Gamboa, no que tamén se realizarán numerosos experimentos sobre o efecto dos contaminantes nos microbiomas. Por mor da pandemia, tanto Sobrino, como o resto de participantes no proxecto, tiveron que pasar un confinamento de 10 días antes de embarcar en Vigo a bordo do Sarmiento de Gamboa.

“Se os resultados da investigación”, que axudarán a entender como se transportan os compostos químicos sintéticos e os seus efectos no ecosistema antárticos, “amosan que as achegas de materia orgánica antropoxénica son altas e que teñen un efecto no fitoplancto e as bacterias mariñas, poderían ter un grande impacto no paradigma actual do ciclo mariño do carbono e da perturbación antropoxénica deste ciclo”, explica Jordi Dachs, investigador do IDAEGA-CSCIC e responsable da campaña. Estes coñecementos poderían modificar os modelos actuais deste ciclo, clave para entender a regulación da temperatura da Terra e outras cuestións climáticas, ademais de permitir buscar ferramentas para reducir o impacto do ser humano sobre o planeta, cuestión de vital importancia no contexto actual de cambio climático global.

Antecedentes de colaboración no proxecto Malaspina

Aínda que esta é a primeira vez que levarán a cabo un proxecto polar, a colaboración da UVigo co IDAEA-CSIC e máis concretamente co seu investigador principal Jordi Dachs remóntase ao proxecto Malaspina, no que se levou a cabo a única circunnavegación española recente. “Iso implicou a participación de moitos grupos de investigación de centros diferentes e algúns deles mantivemos a colaboración esta é a primeira vez que imos levar a cabo un proxecto polar”, explica Sobrino.

Fonte: DUVI