Tres proxectos da Universidade, finalistas nos Premios Atlantic Project 2020

A Universidade de Vigo volve estar representada nos Atlantic Project Awards, con tres proxectos seleccionados nos que participan investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM), dous deles coordinados polo Campus do Mar e outro polo Centro de Investigación Mariña e o IEO.

Estas galardóns encádranse na celebración do 7th Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC2020), un simposio que ten como finalidade lanzar o Atlantic Action Plan 2.0, unha renovada estratexia marítima para fomentar unha economía azul sostible e o acordo verde da UE (EU Green Deal). Esta cita, que terá lugar este xoves 19 en modalidade virtual, reunirá funcionarios de alto nivel, expertos de renome e representantes do mundo empresarial para falar da nova estratexia marítima atlántica, especialmente no contexto dos esforzos de recuperación dos países participantes. Ao longo da xornada anunciaranse os gañadores do certame Atlantic Project Awards, que teñen como obxectivo poñer en valor casos de éxito acadados por proxectos na área xeográfica abranguida pola Estratexia do Atlántico e relacionados coa implementación do Atlantic Action Plan 2.0.

A UVigo conta con tres proxectos finalistas nestas galardóns: BlueBioLab, MarENet e EcoAfrik. A convocatoria comprende cinco categorías relacionadas cos piares prioritarios da Estratexia Atlántica e do Atlantic Action Plan 2.0 como son os portos atlánticos e a economía azul; a capacitación mariña e alfabetización oceánica; a enerxía renovable mariña; o océano saudable e a resiliencia costeira; e a cooperación internacional na área atlántica. As solicitudes presentadas son avaliadas polo un comité composto por membros da Comisión Europea e do Grupo de Estratexia do Atlántico.

BlueBioLab, na categoría de portos atlánticos e economía azul

Na categoría de Portos atlánticos e economía azul está seleccionado o proxecto europeo Bluebiolab – Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña, financiado pola convocatoria Interreg-Poctep e liderado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo baixo a coordinación de Jose Manuel García, director da Ecimat e investigador do grupo Byciama do Centro de Investigación Mariña (CIM). Bluebiolab ten por obxectivo principal crear un laboratorio transfronteirizo de excelencia científica no campo da biotecnoloxía mariña co fin de aumentar a capacidade para desenvolver a excelencia no campo do I+D e reforzar e internacionalizar as capacidades innovadoras do territorio, optimizando así mesmo o uso de infraestruturas para investigar e contribuír a lograr os resultados esperados en RIS3,  RIS3 T e a estratexia de crecemento azul.

MarENet, seleccionado na categoría capacitación mariña e alfabetización oceánica

O proxecto MarENet – Atlantic Maritime Ecosystem Network, financiado pola Comisión Europea Easme-Emff e coordinado polo Campus do Mar baixo a dirección de Daniel Rey, director do CIM e coordinador do Grupo GEOMA, está nomeado na categoría Capacitación mariña e alfabetización oceánica. O seu obxectivo é fortalecer a cooperación entre as empresas marítimas e o mundo académico para mellorar a visibilidade das oportunidades de formación e profesionais no sector da Economía Azul en Europa. Este proxecto está intimamente ligado á Estratexia de Crecemento Azul implantada no Porto de Vigo, como entidade pioneira nesta transformación.

EcoAfrik, seleccionado na modalidade de cooperación internacional na Área Atlántica

Por último, na categoría de Cooperación internacional na Área Atlántica está nomeado o proxecto EcoAfrik – Biodiversity of African Benthic Ecosystem, un traballo coordinado de forma conxunta por Ana Ramos, investigadora do Instituto Español de Oceanografía e Francisco Ramil, do Grupo de Bioloxía Ambiental do CIM. Esta iniciativa busca promover a investigación da fauna bentónica e os ecosistemas vulnerables nos países en desenvolvemento de África, sobre todo do noroeste africano, empregando como punto clave a transferencia de coñecemento e a formación de novos investigadores africanos nesta materia, co fin de poder continuar coa investigación trala finalización do proxecto.

Todos os proxectos nomeados daranse a coñecer no transcurso da 7th Atlantic Stakeholder Platform Conference (ASPC2020) a través dunha exhibición virtual, de xeito que os participantes neste simposio poderán coñecer mellor os finalistas e interactuar cos seus representantes.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI