Investigadoras do CIM lideran un proxecto que estuda se as pradarías de ‘Zostera noltei’ melloran a cría de tres especies de ameixa comercial

Ao abeiro do proxecto ZEUS, posto en marcha polo grupo de Ecoloxía Costeira da UVigo e liderado por Celia Olabarría e Elsa Vázquez

Os leitos de pastos mariños son ecosistemas ecoloxicamente fundamentais en augas pouco profundas, xa que desempeñan un papel importante en todos os procesos costeiros, converténdoos en fundamentais para manter poboacións de especies comercialmente importantes e desempeñando un papel clave na sostibilidade da pesca a pequena escala. Non obstante, non só están experimentando un rápido declive, cunha perda de arredor do 7% da súa distribución global cada ano, senón que tamén adoitan quedar fóra da axenda de conservación de gobernos e organizacións internacionais. Agora a través do proxecto ZEUS, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades cun orzamento 211.750€, persoal investigador do grupo de Ecoloxía Costeira pertencente ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo avaliará a importancia das pradarías de Zostera noltei como área de cría e hábitats de xuvenís e adultos reprodutores de tres especies de ameixa comercial (babosa, xapónica e fina) e como mitigadoras das vagas de calor e ás flutuacións bruscas da salinidade. “Queremos poñer en valor tamén a importancia de conservar estas pradarías, que a miúdo entran en conflito cos intereses do marisqueo, xa que unha das prácticas habituais é a eliminación da Zostera nestas zonas”, salientan Celia Olabarria e Elsa Vázquez, investigadoras principais do proxecto.

O obxectivo é achegar información que facilite unha xestión integral e eficiente dos recursos marisqueiros en leitos intermareais de Zostera noltei nun contexto de cambio climático no que os eventos extremos serán máis frecuentes e intensos. “Son zonas de cría, mantemento e refuxio de xuvenís de diversas especies de vertebrados e invertebrados e interveñen na reciclaxe de nutrientes e na estabilización do sedimento, contribúen ao secuestro do carbono, á mitigación do cambio climático e á resiliencia dos ecosistemas costeiros”, explican. A pesar de todas estas vantaxes, “debido aos impactos antropoxénicos, moitas das pradarías de fanerógamas están en declive. En Galicia a recolección de marisco e a conservación de leitos de Zostera poden entrar en conflito, xa que é habitual eliminar a planta ao considerar que interfire coas actividades de marisqueo e ao pensar que en zonas de alta densidade de planta hai pouco recurso marisqueiro”.

Valor económico dos diferentes leitos de pastos mariños

O proxecto complétase tamén cunha vertente socio-económica, xa que tratará de estimar o valor económico dos diferentes leitos de pastos mariños segundo a súa función como criadeiro e/ou hábitat de espécimes adultos de ameixas e a súa capacidade para amortecer as condicións ambientais adversas derivadas de eventos extremos.

Para todo isto o grupo de investigación conta coa colaboración das confrarías de pescadores e as súas asistencias técnicas de Cambados, Noia e Combarro, que achegan a súa perspectiva da problemática entre o marisqueo e o mantemento das pradarías de Zostera, ademais de axudar na parte experimental do proxecto facilitando o acceso e mantemento dos experimento nos bancos marisqueiros de Sarrido (Cambados), Testal (Noia) e Combarro e proporcionando xuvenís das especies de ameixa para os experimentos de laboratorio. Tamén contribúen con obradoiros e enquisas que se fan dentro do proxecto dentro da súa vertente socio-económica.

EcoCost tamén colabora neste proxecto coa Área de Biodiversidade e Conservación da Universidad Rey Juan Carlos e con investigadores sénior do Departamento de Ciencias Biolóxicas da Universidad de South Carolina. A parte socio-económica está liderada por Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Fonte: DUVI