O CIM capta o 22% da financiación concedida á Universidade de Vigo dentro da última convocatoria de axudas a Proxectos de I+D+i do Plan Nacional de Investigación

Membros do grupo de Fisioloxía de Peixes (FB2, CIM)

O pasado 1 de setembro publicouse a lista definitiva de “PROYECTOS DE I+D+i” dos programas estatais de Xeración do coñecemento e Retos da sociedade (convocatoria 2019) que xa se avanzara con carácter provisional o 24 de Xullo. O Centro de Investigación Mariña (CIM) conseguiu atraer nesta convocatoria 854.000 euros, supoñendo o 22% da financiación captada e o 17% do número de proxectos concedidos á Universidade de Vigo. Esta financiación porá en marcha 6 novos proxectos de investigación de entre 3 e 4 anos de duración. Estes proxectos enmárcanse nas áreas de acuicultura, contaminación mariña, e observación do océano e cambio global, implicando a sete grupos de investigación do CIM. A Universidade fará efectiva a financiación nos próximos días, facilitando o inicio das investigación a cargo destas axudas.

No eido da acuicultura, concedéronse dous proxectos: “Control homeostático de la ingesta de alimento en peces con especial atención al eje intestino-cerebro e interacción con respuestas hedónicas”, dirixido polos investigadores do Grupo de Fisioloxía de Peixes (FB2, CIM) José Luis Soengas e Jesús Manuel Míguez, e  “Mitogenómica y mitoproteómica de mejillones marinos con herencia uniparental doble del ADN mitocondrial y diferente trasfondo genético” dirixido por Ángel E. Pérez e Paloma Morán, investigadores do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética (XB2, CIM).

O proxecto liderado polo persoal do Grupo de Fisioloxía de Peixes ten por obxectivo  avanzar no coñecemento dos procesos que regulan a inxesta de alimento en peixes teleósteos, profundizando non só nos mecanismos homeostáticos e  circadianos estudados ata a data, senón tamén nos mecanismos  hedónicos ou de recompensa, non abordados en detalle ata o momento. O traballo está enmarcado dentro dun proxecto liderado tamén pola Universidade de Vigo da man de Jose Luis Soengas e conta coa colaboración dos grupos de Neuroendocrinología de peces da Universidad Complutense de Madrid e de Control de ingesta en peces del Instituto de Acuicultura Torre de la Sal-CSIC. O equipo investigador, que leva traballando nesta liña de forma conxunta durante os últimos 15 anos, espera que, a medio prazo, a transferencia dos resultados do proxecto ao sector produtivo contribúa a mellorar o deseño de estratexias de alimentación na acuicultura e, en consecuencia, axude a fortalecer a súa competitividade e sostibilidade.

O proxecto dirixido polo Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética analizará desde un punto de vista evolutivo, e a través  de tecnoloxía xenómica e  proteómica de alto rendemento, as proteínas mitocondriales con expresión diferencial de diferentes especies do xénero Mytilus que teñan unha función importante na bioloxía da mitocondria e a fertilización. O seu obxectivo é o de coñecer a implicación potencial das proteínas mitocondriais seleccionadas no illamento reprodutivo, o mecanismo de herdanza uniparental dobre (DUI), e a determinación do sexo. A maiores, o proxecto pretende propoñer un programa de produción de liñas de mexilón unisex para a especie Mytilus galloprovincialis e establecer protocolos de criopreservación de gametos e estadíos larvarios temperáns que permitan evitar a dependencia da produción de mexilón co seu ciclo reprodutivo natural. O equipo de traballo contará coa contribución do Bedford Institute of Oceanography, The University of Washington e The Swansea University.

No campo da contaminación mariña, o investigador do Grupo de Ecoloxía Costeira, Ricardo Beiras (Ecocost, CIM) será o investigador principal da Universidade de Vigo no subproxecto “ECOPLAS: Evaluación ecotoxicológica de polímeros reciclables y biopolímeros”. Este subproxecto está enmarcado nun proxecto coordinado polo grupo de Química Ambiental QANAP da Universidade da Coruña e  ten por o obxectivo estudar en profundidade o posible impacto ambiental dos biopolímeros, compostos fabricados a partir de material biolóxico, potencialmente biodegradables, que pretenden substituir ao plástico convencional. O equipo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox, grupo Ecocost, CIM), dirixido por Beiras, avaliará o mecanismo de toxicidade acuática, derivada da liberación de micro e nanopartículas que resultan tóxicas para os organismos. Os resultados obtidos serán postos en coñecemento da industria do plástico para avaliar a substitución de polímeros convencionais por biodegradables.

Na liña de investigación relativa á observación do océano e ao cambio global, concedéronse tres proxectos.

O primeiro deles, “Variabilidad del Océano Índico Tropical versus Cambio (paleo)climático Global (TRIOPACC)”, será liderado polos investigadores do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma, CIM) Gianluca Marino e Daniel Rey. TRIOPACC contribuirá a cuantificar a resposta do planeta ante un aumento de temperatura de 1,5 – 2°C, tal e como recolleu o Faro de Vigo en xullo. O estudo realizarase a través dunha análise minuciosa dos sedimentos mariños do Índico Tropical depositados nos últimos 500.000 anos e contará coa colaboración de prestixiosas entidades como The University of Arizona, a Escuela Politécnica Federal de Zúrich (Eidgenössische Technische Hochschule Zürich) e The Australian National University. Este proxecto representa un éxito importante para o Laboratorio de Paleoclima que dentro do GEOMA lidera e está a construír o profesor Marino, investigador distinguido da Universidade de Vigo e profesor honorario na Universidade Nacional de Australia.

O segundo deles, “Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlantico Norte (BOCATS2)”, é un subproxecto dirixido polos investigadores Guillermo Francés e Gabriel Rosón dos grupos de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM) e  Oceanografía Física (GOFUVI, CIM). O proxecto xeral será coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC). O subproxecto dirixido polos investigadores Francés e Rosón centrarase na variabilidade milenaria e submilenaria das correntes profundas a través das canles profundos que atravesan a dorsal de Reykjanes (zonas de fractura de Bight y de Charlie-Gibbs). Estas dúas zonas de fractura constitúen os principais roteiros de comunicación de augas profundas entre as concas occidental e oriental do Atlántico Norte e a súa hidrografía é bastante descoñecida, especialmente no pasado e baixo outras condicións climáticas globais. O equipo de investigación conta coa contribución de especialistas do Instititut De Ciencias del Mar (ICM, CSIC) e o Instituto Tecnolóxico do Mar (INTECMAR, Xunta de Galicia). No equipo de traballo colaboran ademais investigadores do National Oceanography Centre (NOC, UK), o Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER, Francia), a University of Bremen (Alemania) e a Royal Holloway University (UK). O equipo investigador pretende con este proxecto avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico no clima e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos axustados que sustentan os informes do IPCC para o xiro subpolar do Atlántico Norte, rexión coñecida pola súa forte influencia no clima europeo.

Por último, Sandra Martínez-García, investigadora distinguida da Universidade de Vigo pertencente ao Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB, CIM), liderará o seu propio subproxecto desde a Universidade de Vigo dentro do proxecto “TRAITS: Un enfoque de estudio de la ecología microbiana basado en rasgos y gremios”. O proxecto coordinado será liderado polo Centro Nacional de Biotecnología (CNB, CSIC). O equipo liderado pola investigadora Martínez-García, realizará diferentes experimentos en microcosmos, consistentes na adición de materia orgánica derivada de fitoplancto a comunidades bacterianas naturais no noroeste da Península Ibérica, e describirá grupos funcionais bacterianos relacionados coa utilización de nutrintes no océano mediante a análise bioinformática de distintas bases de datos. O equipo de investigación conta ademáis coa participación da  Universidad de La Laguna. Cos resultados obtidos, o equipo investigador pretende mellorar a información  incluída en modelos de ecosistemas mariños sobre o papel funcional das bacterias nos fluxos de nutrientes no océano.

O director do Centro de Investigación Mariña, Daniel Rey, valora moi positivamente o éxito acadado nesta convocatoria. Destaca que a calidade científica e a capacidade de liderado dos seus investigadores contribúen con determinación ao avance do coñecemento científico no medio mariño, en particular e do noso planeta en xeral. Estes proxectos afrontan algúns dos retos máis importantes aos que se enfronta a sociedade no momento actual.