‘Nature’ publica un estudo con participación do CIM-UVigo sobre como o mar pode dar resposta ás necesidades alimentarias do 2050

Elena Ojea xunto cun dos coordinadores do estudo, Christopher Costello

Dar resposta á pregunta de que cantidade de alimentos podería producir o mar de forma sustentable no ano 2050 é o obxectivo do estudo que publican, na prestixiosa revista Nature, un grupo de 22 investigadores e investigadoras de dez países, entre os que se atopa a responsable do grupo Future Oceans Lab, do CIM-UVigo, Elena Ojea. Partindo da análise de múltiples factores biolóxicos, ecolóxicos e económicos, os expertos e expertas sinalan que no 2050 a produción de alimentos do mar, englobando pesca, acuicultura e marisqueo, podería incrementar entre un 36% e un 74% os 59 millóns de toneladas de alimentos que xera na actualidade.

Coordinado por Christopher Costello, da University of California, Ling Cao, da Shanghai Jiao Tong University, e Stefan Gelcich, da Ponficia Universidad Católica de Chile, o artigo The future of food from the sea está baseado no Blue Paper encargado a un equipo multidisciplinar de expertos internacionais polo High Level Panel for a Sustainable Ocean Economy, promovido por Nacións Unidas. Presentado en novembro de 2019 na Organización Mundial da Alimentación (FAO) en Roma, o informe foi realizado por un equipo de investigadores e investigadoras dos eidos da economía, bioloxía, ecoloxía, nutrición, pesca e acuicultura, entre os que figuraba Ojea como única representante española.

A partires deste Blue Paper, explica a investigadora do CIM, “refinamos os métodos e análise” para dar lugar a esta publicación en Nature, “que garante o impacto global do estudo”, necesario, sinala, para dar maior visibilidade a “un debate sobre como alimentar no futuro a unha poboación mundial en aumento e que ten recursos limitados”. Nese senso, o estudo pon de relevo o “importante rol” que os océanos poden xogar á hora de dar resposta, dun xeito sustentable, a este aumento da demanda alimentaria a través dun “incremento substancial” da produción para o que, sinalan, “precísase unha mellora na xestión da pesca, cambios nos regulamentos e innovacións tecnolóxicas”.

Diferentes escenarios de crecemento

Tendo en conta múltiples factores, “desde as limitacións biolóxicas e ecolóxicas vinculadas ás poboacións de peixes mariños, a súa distribución e crecemento, como a dispoñibilidade de áreas e recursos para expandir a acuicultura sostible”, como o equilibrio entre oferta e demanda, o estudo presenta unha serie de “rangos de crecemento que teñen en conta diferentes escenarios”, explica Ojea.

Tendo en conta esas limitacións ecolóxicas, económicas e tecnolóxicas, preséntanse unha serie de “curvas de provisión sostibles” que sitúan entre un 36% e un 74% o potencial de incremento da produción con respecto aos 59 millóns de toneladas xerados actualmente por estes tres sectores produtivos. Este potencial de crecemento, explica Ojea, “depende de tres factores”; dunha “reforma na xestión da pesca e acuicultura cara formas máis sostibles a longo prazo”, de que a demanda global se axuste a esta produción e de que, “o máis complicado, que limitacións actuais como os ratios de alimento na acuicultura melloren grazas a avances tecnolóxicos”. Nese senso, Ojea aclara que se ben o crecemento dun 36% sería posible xa coas tecnoloxías actuais “mellorando a xestión”, o maior dos incrementos previstos “depende en gran medida de melloras tecnolóxicas que están por facerse”.

Crecemento nos tres sectores

Segundo recolle o artigo, os alimentos xerados no mar, procedentes nun 80% da pesca, representan na actualidade o 17% da produción de carne comestible do mundo, porcentaxe que podería chegar a situarse no 25% no 2050 a través dun incremento substancial da produción. O estudo conclúe de feito que a produción podería aumentar tanto na pesca e no marisqueo como na acuicultura mariña, sendo esta última a que experimentaría un maior crecemento, para o que serán precisas, engade o artigo, “prácticas de xestión e políticas que permitan unha expansión ambientalmente sustentable”.

Alimentar o mundo dun xeito sustentable

Dar resposta ao aumento das necesidades de carne comestible a través dunha “expansión terrestre”, sinala o estudo, podería agravar os problemas derivados do cambio climático, á vez que provocar a perda de biodiversidade. Fronte a esta situación, os alimentos procedentes do mar poderían contribuír “de maneira excepcional á seguridade alimentaria e nutricional global”, dado que tamén son unha fonte de proteínas e de ácidos graxos esenciais “que non son doados de atopar noutros alimentos”.

“Amosamos como este obxectivo da alimentación para todos pódese acadar a través da xestión sustentable do mar, incluíndo pesca e acuicultura mariña”, salienta Ojea, que pon o foco en Galicia como “un dos lugares que pode ter maior potencial para mellorar a súa produción pesqueira e acuícola de forma sustentable”. Deste xeito, conclúe, “poñemos ao sector mariño no medio da resposta á gran pregunta de como alimentar ao planeta no futuro”.

Fonte: DUVI