Unha tese analiza como abordar no ensino os efectos nos océanos do cambio ambiental global

Deseñou recursos didácticos sobre alfabetización oceánica

A pesares de xogar “un papel crucial no funcionamento do sistema terra”, os océanos “están ausentes dos currículos educativos”, salienta a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Lorenzo. No marco da súa tese de doutoramento, realizou unha “análise crítica” do currículo de educación primaria en Galicia, no que non están presentes nin os océanos “nin as ameazas que os asexan”, como a acidificación oceánica, un dos efectos do cambio ambiental global. “O sistema educativo non pode obviar esta situación e a formación inicial do profesorado debe desenvolver competencias para abordalo”, sostén Lorenzo Rial. No marco da súa tese, deseñou e levou a cabo nas aulas da facultade unha serie de actividades que establecían “sinerxías entre a educación científica, a educación para a sustentabilidade con perspectiva de xénero e as ciencias do mar”, ámbitos que, polo xeral, explica, adoitan abordarse de forma separada nas aulas. O proxecto completouse así mesmo co desenvolvemento dunha serie de recursos educativos abertos, reunidos na web O mar das mulleres.

Dirixida pola profesora do Departamento de Didácticas Especiais María Álvarez Lires e polo catedrático de Ecoloxía e investigador do grupo de Ocenografía Biolóxica do  CIM Emilio Fernández, a tese Educación, sustentabilidade e xénero: un achegamento didáctico ao cambio global oceánico mediante as TIC permitiu nese senso “ir construíndo un marco de referencia para o deseño e experimentación de propostas de intervención na aula do Grao en Educación Primaria”. A través dunha serie de actividades, dirixidas a que os futuros profesores e profesoras desenvolvesen competencias docentes en materia de “alfabetización oceánica” e que incorporaban a perspectiva de xénero, a investigadora puido comprobar como as e os estudantes “realizaron aprendizaxes significativas” que á súa vez “serviron para conciencialas acerca do cambio ambiental global, da necesidade de conservación e protección dos océanos e da importancia das achegas das mulleres á sustentabilidade oceánica”.

As posibilidades didácticas dos recursos TIC

Un dos capítulos da tese presenta os resultados da “análise crítica” que Lorenzo realizou do currículo de primaria en Galicia, no que ademais de constatar como “nin os océanos nin as rías están presentes” nos contidos educativos a abordar, a “avaliación mediante estándares non promove o desenvolvemento de competencias, obxectivo principal da educación”. Nese senso, a docente pon o acento en que “a educación científica debe incorporar recursos que integren a alfabetización oceánica”.

Así, outro dos apartados da súa tese presenta o resultado do traballo de busca, tanto no ámbito estatal coma internacional, de “recursos TIC” sobre educación ambiental e cambio global e, máis concretamente, sobre acidificación oceánica. Esta busca levouna a establecer unha serie de “categorías de análise dos recursos didácticos máis relevantes” e a deseñar un instrumento de análise para determinar cales destes contidos teñen “posibilidades como ferramentas didácticas”. Lorenzo empregou de feito este instrumento co proxecto Inquiry to Student Environmental Action (I2Sea), “que ofrece actividades de aula sobre acidificación oceánica e cambio climático”, atopando neste recurso “limitacións”, como a falta de perspectiva de xénero. Actualmente, esta ferramenta de análise está a ser empregada, explica, en traballos de fin de grao e mestrado na facultade, “para a análise doutros recursos TIC como simuladores, webs ou contos interactivos”.

Recursos educativos abertos

A partir desta análise, a investigación centrouse na adaptación e deseño de materiais didácticos para o seu emprego no Grao en Educación Primaria. Concretamente, Lorenzo puxo en marcha tres intervencións educativas co alumnado desta titulación, coas que buscaba promover un achegamento ao cambio ambiental nos océanos, á vez que pór de relevo como “as achegas das mulleres foron, son e serán imprescindibles para conseguir un desenvolvemento sustentable real e efectivo”, a través de procesos de aprendizaxe cooperativa. Respondendo así mesmo aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU, a primeira destas experiencias de achegou o alumnado á acidificación oceánica a través de recursos en liña e de experimentos sobre os efectos da diminución do PH no mar. Unha segunda experiencia, que formaba parte dun proxecto de innovación desenvolvido na facultade no curso 2017/2018, levou ao alumnado a determinar a súa pegada de carbono individual e a definir accións para tratar de reducila. Unha terceira proposta levou por título Investigadoras mariñas saíndo da sombra e centrouse na elaboración de biografías de investigadoras mariñas como Silvia Earle, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos, Elisabeth Mann Borguese ou Josefina Castellví.

A estas actividades sumouse o deseño de recursos didácticos de libre acceso, dispoñibles na web O mar das mulleres. Sustentable e produtivo, realizada en 2019 co apoio da Deputación de Pontevedra. Estes poñen o foco tanto na situación e ameazas dos océanos, como en diferentes oficios femininos vinculados ao mar, como os das redeiras ou os das traballadoras da salga e a conserva, así como no labor das investigadoras mariñas.

Fonte: DUVI