Persoal investigador do grupo Geoma do CIM publica o maior estudo realizado ata a data sobre os fondos da enseada de Samil

Batimetría multihaz da enseada de Samil, xunto con imaxes acústicas do antigo emisario e os resultados do modelo baixo distintas condicións de ondada

O prestixioso Journal of Marine Science and Engineering acaba de facer público o maior estudo realizado ata a data sobre os fondos da enseada de Samil, un traballo levado a cabo por un equipo de investigadores e investigadoras do grupo Geoma do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, dirixidos por Ana Bernabeu e Daniel Rey, tras serlle solicitado por ACUAES, a Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España , como avaliación previa do impacto do novo emisario  sobre o areal.

Para realizalo empregaron unha innovadora metodoloxía que combinou observacións experimentais sobre o fondo e  características físicas do sedimento cun estudo numérico que simula a acción da ondada e as correntes que interfiren co transporte de sedimentos. “O obxectivo era dobre: por unha banda, determinar a profundidade e emprazamento idóneo para que o emisario non se vexa afectado pola ondada e os ritmos estacionais do movemento da area na enseada e, pola outra, que a súa construción non alterase a dinámica natural das praias”, explica Daniel Rey, coordinador do grupo GEOMA e director do CIM.

Pese á presión urbanística, o equilibrio mantense en Samil

A investigación, que formou parte da tese de doutoramento de Aimar del Valle, demostrou a vantaxe de explorar o efecto das infraestruturas mergulladas cun enfoque multidata para comprender completamente a diversidade de posibles influencias no comportamento local das praias e, ao mesmo tempo, ofreceu tamén a batimetría de maior resolución realizada ata agora na ría de Vigo, así como toda unha serie de imaxes acústicas do fondo onde se apreciaba claramente a necesidade de substituír as antigas conducións. Ademais, algo tamén relevante, foi conseguir unha singular perspectiva sedimentolóxica e hidrodinámica sobre o equilibrio natural dos ambientes sedimentarios e a contorna submarina da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat.

A maiores, este traballo puxo de manifesto o equilibrio dinámico que alcanzou a praia de Samil baixo a enorme presión urbanística que sofre. “Nestes momentos non hai unha perda significativa de area e o equilibrio é razoable”,  recalca Rey, ao que engade que para afondar nas alteracións que poidan acontecer no futuro relacionadas co cambio climático habería que levar a cabo un novo estudo no que basear as futuras estratexias de adaptación.

Tecnoloxía de alta resolución

O estudo baséase en datos de batimetría de alta resolución, a caracterización física dos fondos mariños na área, un estudo granulométrico do sedimento superficial e unha simulación numérica do clima marítimo (ondaxe e correntes) e o transporte de sedimentos en condicións de baixa e alta enerxía usando o software Delft3D de código aberto. Esta aproximación mellora a fiabilidade dos resultados das zonas inter e submareal da praia onde os estudos son escasos debido á complexidade da adquisición de datos, e permite esclarecer o súa dinámica co contexto xeral da ría.

“O multihaz foi a base dun levantamento hidrográfico moi preciso que, xunto co cálculo do tamaño de grao do sedimento, permitiu modelizar como se produciría o transporte baixo condicións normais e extremas (tormentas) a partir de valores medios significantes das series históricas de ondada recollidas por Portos do Estado durante os últimos 30 anos”, explica o director do estudo. Ademais, estes datos tamén serviron para calcular a profundidade de peche da praia, que é a profundidade a que a area do fondo deixa de moverse estacionalmente.  No caso dos datos do sonar de varrido lateral empregáronse para observar directamente as profundidades nas que a estrutura dos emisarios vellos estaban afectadas polas ondas e as correntes, causando procesos de erosión e sedimentación ao encontrarse co emisario.

“A combinación destes tres tipos independentes de resultados  demostraron que a área de interese é unha zona de pouca enerxía, protexida de xeito significativo contra o ataque das ondas, onde predomina a area fina”, explica Daniel Rey. Non obstante, os datos de campo indicaron unha interacción nos obstáculos somerxidos entre 0 e 12 m de profundidade. “O modelo revelou que existe un movemento de sedimentos significativo por encima dos 7,4 m de profundidade e que o emisario non alteraría a dinámica xeral de transporte da praia, senón que interactuaría na sección máis superficial”, recalca o investigador,  facendo así fincapé na que considera  a principal conclusión do estudo, e que se refería a que a futura estrutura non alteraría a dinámica global da praia. Ademais, Rey explica que co fin de garantir a seguridade do novo emisario, “tamén consideramos que este non debería de aflorar por encima dos  8 o 12 m de profundidade, dependendo da zona”.

Inndaga, “unha plataforma ideal para inspección e monitoreo in situ”

Na investigación foi crucial o emprego de Inndaga, unha plataforma multipropósito desenvolvida polo propio grupo Geoma  nun bote inchable de 8.5 m de longo e concibida para realizar levantamentos oceanográficos en áreas costeiras. Este concepto permite que a embarcación opere de maneira segura e con gran flexibilidade de manobra en áreas onde as embarcacións de investigación máis grandes non poden acceder (áreas rochosas, portos …) e a baixo custo operativo.

Totalmente integrada nun sistema de xestión da información para proporcionar eficiencia e eficacia na toma de decisións estratéxicas, a embarcación  é moi flexible e ten unha ampla gama de aplicacións. Segundo explican desde o grupo Geoma, nos portos convértese nunha plataforma ideal para desenvolver tecnoloxías e metodoloxías específicas in situ para a inspección e a monitoraxe precisa dos diferentes elementos dos peiraos, as condicións hidrográficas e para mellorar o seu mantemento e operación de conformidade coas directivas medioambientais da UE e os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) ONU . “Este concepto permite a adquisición de datos de alta resolución necesarios para mellorar os modelos hidrodinámicos, importantes para predicir os posibles efectos do dragado, analizar o comportamento dunha estrutura, como foi o caso deste estudo, ou deseñar estratexias para combater e xestionar posibles vertidos”, recalcou Rey.

Por outra banda, un esquema completamente desenvolvido posterior á prospección permite un rápido procesamento de datos e análises de mostras de auga e sedimentos. Estes resultados intégranse nun Sistema de Información Xeo referenciada (SIG) que permite a visualización de toda a información relevante para o manexo ambiental das áreas costeiras, proporcionando eficiencia e efectividade na toma de decisións estratéxicas.

O desenvolvemento deste traballo contou co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do cofinanciamento do CIM no marco do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI