O equipo de investigación Ecotox do CIM participa no proxecto europeo Glaukos para reducir a contaminación xerada pola roupa e as artes de pesca

14 institucións de oito países traballan coordinadamente no proxecto europeo Glaukos que, no marco da convocatoria H2020, busca solucións circulares para a industria téxtil. O equipo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox, do grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigación Mariña da UVigo, é o único representante español nesta iniciativa que ten como obxectivo desenvolver fibras e revestimentos téxtiles biodegradables e biorreciclables para as artes de pesca e a roupa. A finalidade última é diminuír drasticamente a contaminación por plásticos do océano, xa que “as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas representan aproximadamente o 27% de todo a lixo mariño atopado nos mares europeos, preto de 11.000 toneladas anuais que entran no medio mariño cada ano. Aos restos de redes e outros aparellos súmanse as fibras sintéticas das que está feita gran parte da roupa, que son tamén unha fonte principal de contaminación por microfibra nos ambientes mariños, xa que o uso e o desgaste das prendas fan que as fibras acaben no mar.

Zsófia Kádár, coordinadora global do proxecto Glaukos, explica que o proxecto arranca este mes con “ansia” por traballar nun “dos maiores problemas que a nosa sociedade está enfrontando coa contaminación oceánica. Segundo os últimos estudos a concentración microplástica mariña foi moi subestimada e perdas de plástico só se poden mitigar se se desenvolven polímeros propensos a reciclarse e biodegradarse de forma rápida e completa. A ambición de Glaukos é abrir o camiño para esta transición e temos todos os ingredientes para ter éxito”.

O proxecto, de catro anos de duración, ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia 4,1 millóns a través da Bio-Based Industries Joint Undertaking (BBI JU), unha entidade público-privada entre o programa H2020 da UE e Bio-based Industries Consortium (BIC). A subvención que lle corresponde á UVigo é de 411.500 euros. O consorcio está coordinado pola entidade belga Bio Base Europe Pilot Plant e del forman parte empresas, asociacións, clústers, centros de investigación e universidades de Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Eslovaquia, España, Suíza, Italia e Turquía.

Fibras e revestimentos téxtiles de base biolóxica para as necesidades do século XXI

Os catorce socios do proxecto traballarán ao longo de 48 meses para redeseñar o ciclo de vida completo de téxtiles empregados en artes de pesca e roupa. A clave, explican os investigadores vigueses implicados (Ricardo Beiras, Óscar Nieto e Beatriz Noya), “é o deseño de polímeros para mitigar a contaminación causada por fragmentos de fibra”. Para iso, o proxecto basearase na “biodegradabilidade activable” deses novos polímeros, para aumentar a taxa de degradación dos microplásticos presentes nos materiais de Glaukos, polo menos 100 veces en comparación cos convencionais”. Paralelamente, desenvolveranse procesos de bio-reciclaxe para incentivar a recollida dos téxtiles ao final da súa vida útil, reducindo así a contaminación que orixinan. Ademais, grazas a esta iniciativa tamén se poderá reducir a lonxitude da cadea de subministro “mediante o escalado dun proceso de fermentación disruptivo que, a partir de bio-materias primas europeas, permita producir as moléculas de base cuxas combinacións darán logo lugar aos polímeros de Glaukos”. Grazas a este proceso, poderase aumentar o contido de base bio dos productos téxtiles de Glaukos polo menos ao 50%, remarcan.

Ademais, no marco de Glaukos tamén se desenvolverán recubrimentos ecolóxicos para aparellos de pesca cun maior contido de base biolóxica e traballarán para conciliar as características do produto anteriormente descritas co rendemento técnico e a durabilidade, para garantir así o uso efectivo e a longo prazo tanto de produtos téxtiles como de artes de pesca, reducindo significativamente a súa pegada de carbono e plástico.

Os socios do proxecto teñen previsto achegar os seus resultados ao mercado final, para o que se establecerán conexións coas partes interesadas para involucrar aos usuarios da industria do vestiario e da pesca. Tamén se tratará de aumentar a conciencia ecolóxica do consumidor a través de, por exemplo, iniciativas de márketing.

A UVigo, centrada nas ‘solucións para o final da vida’

No marco do proxecto, os investigadores de Ecotox centraranse nas ‘solucións para o final da vida’, un paquete de traballo que está dividido en dous bloques e co-liderado polo equipo da UVigo e o Centro de Investigación Jülich (FZJ), para traballar na biodegradabilidade e a bio-reciclaxe.
No que se refire á biodegradabilidade, os científicos explican que “as probas de campo son un xeito custoso e lento de avaliar a biodegradabilidade e a ecotoxicidade dos produtos téxtiles, como as artes de pesca. Analizar a liberación de microplásticos e avaliar o seu efecto nos ecosistemas é particularmente difícil”. Para avanzar neste campo, dende Ecotox desenvolveron un método para acelerar a liberación de microplásticos dos aparellos de pesca, que permite avaliar a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos no laboratorio e en mesocosmos. Neste sentido, lembran que “a inmensa maioría dos aditivos e recubrimentos ecolóxicos de aparellos de pesca e téxtiles son derivados do petróleo, sendo un dos obxectivos finais do proxecto Glaukos o de producir recubrimentos cun contido de base biolóxica mínimo dun 30%, o que representaría un grande avance neste campo”.

Dende Ecotox avaliarán a ecotoxicidade dos ingredientes para guiar a selección dos recubrimentos máis ecolóxicos, xa que investigacións recentes realizadas polo grupo da UVigo demostraron que “moitos aditivos poliméricos utilizados durante o proceso de polimerización e composición son tóxicos para os ecosistemas mariños”. Finalmente, avanzarase no desenvolvemento e integración de métodos para avaliar a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos en medios acuáticos e mariños de cara á estandarización dos mesmos.

Fonte: DUVI