As resinas de polietileno, PVC e poliamida “virxes” son menos tóxicas que as biodegradables

Ricardo Beiras, primeiro pola esquerda, acompañado polo resto de participantes neste proxecto

Os plásticos son  polímeros sintéticos de enorme utilidade en todos os campos das actividades humanas e a súa produción global supera na actualidade os 300 millóns de toneladas ao ano, das que unha boa parte ten como destino final os ecosistemas acuáticos. Conscientes desta realidade, desde a Universidade de Vigo mantéñense abertas diferentes liñas de investigación coas que se busca contribuír a minorar o impacto ecolóxico destes materiais e minimizar os seus potenciais efectos nocivos para o ambiente e a saúde. Un destes traballos é ARPA-ACUA, Alternativas ambientalmente respectuosas para polímeros e os seus aditivos químicos en medio acuático, un traballo coordinado pola Universidade de Vigo e que permitiu establecer unha intensa colaboración entre a industria do plástico, representada polo seu principal centro tecnolóxico español, AIMPLAS, e a universidade galega, neste caso, a través do grupo da Universidade da Coruña QANAP, líder a nivel internacional en química ambiental, e de Ecotox, equipo de investigación en  Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña do Centro de Investigación Mariña da UVigo.

Foron tres anos de investigación, financiada con algo máis de 400.000 euros por parte do Ministerio de Economía e Competitividade, e as conclusións non deixan lugar a dúbidas: as resinas (polímero sen aditivos) de polietileno de baixa densidade (LDPE), PVC e poliamida “virxes” carecen de toxicidade, tanto acabadas de producir como tras avellentamento ambiental, mentres que as do polímero biodegradable poli- hidroxi-butirato (PHB) mostran certa toxicidade, polo que, desde un punto de vista ecotoxicolóxico, a recomendación científica é ser cauto no referente á substitución de polímeros convencionais por biodegradables.

“Os resultados do proxecto conferirán vantaxes competitivas á industria española do plástico”

O proxecto, iniciado en 2016, buscaba contribuír á selección de alternativas ambientalmente respectuosas no referente á composición química dos devanditos  polímeros e, para logralo, combinou a  ecotoxicoloxía, a química ambiental e a ciencia de materiais, co dobre obxectivo de, por unha banda, seleccionar aditivos de utilidade para a industria que presenten menor impacto sobre o medio acuático de acordo a probas ecotoxicolóxicas con organismos mariños sensibles, e doutra banda, realizar unha avaliación a priori do risco ambiental de  bioplásticos alternativos de menor persistencia e toxicidade.

“A sinerxía resultante permitiu preparar materiais plásticos personalizados, deseñados con tecnoloxía industrial pero en colaboración cos investigadores”, explica o catedrático Ricardo Beiras, líder de Ecotox e coordinador xeral deste proxecto. “Deste xeito puidemos deseñar plásticos constituídos polo mesmo polímero (polietileno, PVC, etc.) pero con distintos aditivos químicos, tanto comerciais como alternativos, e finalmente estudar a súa toxicidade no medio acuático”, recalca Beiras, quen salienta que dende Ecotox se encargaron, sobre todo, da posta a punto de diferentes bioensaios mariños sensibles e estandarizados utilizados polo ICES (International Council for de Explotation of the Sea). “Os resultados do proxecto conferirán vantaxes competitivas á industria española do plástico considerando a crecente demanda destes novos tipos de plásticos ambientalmente  inocuos a escala global”, recalca o investigador.

Búscanse aditivos funcionais que compaxinen utilidade industrial e ausencia de efectos biolóxicos

Despois do estudo realizado, que se prolongou ao longo de 36 meses, o equipo responsable da investigación subliña que  todos os materiais aditivados mostran certa toxicidade, tanto usando aditivos químicos convencionais, como aditivos alternativos de orixe natural, aínda que para LDPE e PVC os alternativos reducen lixeiramente a toxicidade. No caso dos materiais estándar esta toxicidade está relacionada co seu contido en butil- hidroxi- tolueno (antioxidante) e triclosan ( antibacteriano). “Neste sentido, a vitamina E é un antioxidante que resultou non tóxico aínda que o seu custo é maior”, explica Beiras.

Nos materiais alternativos a toxicidade pode explicarse polo seu contido en lawsona (antibacteriano), quercetín (estabilizante UV) e, no caso do PVC, o monoglicérido (plastificante). “Desde o noso punto de vista é necesario por tanto continuar na procura de aditivos funcionais destes tipos que permitan compaxinar utilidade industrial e ausencia de efectos biolóxicos”, recalca Beiras.

O avellentamento da resina biodegradable ensaiada (PHB) aumentou a súa toxicidade, particularmente nos bioensaios de microalgas e copépodos, unha subclase de crustáceos maxilópodos de pequeno tamaño moi estendidos por todo o planeta, principalmente formando parte do zooplancto.

A actividade investigadora do equipo Ecotox (CIM-UVigo) conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI