250 rapazas celebrarán o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia nos laboratorios da UVigo

Etiquetas

O vindeiro martes 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e a celebración vivirase dun xeito moi especial nos laboratorios das tres escolas de enxeñaría do campus, do Cinbio e da Ecimat, xa que as investigadoras que día a día traballan nestas instalacións van compartir con máis de 250 alumnas de ensino secundario de diferentes concellos da provincia de Pontevedra a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía. Levan semanas organizando as actividades e xa todo está listo para recibilas e convencelas de que se atopan ante un mundo “moi interesante e atractivo, que pode ser moi divertido e, sobre todo, absolutamente imprescindible para que a sociedade avance”, tal e como subliñan as investigadoras Belén Vaz e Verónica Salgueiriños, coordinadoras dos obradoiros do ámbito científico.

Todas as actividades (obradoiros, conferencias, charlas…) agrúpanse nunhas xornadas bautizadas como Elas fan CienTec 2020 e todas teñen como obxectivo fundamental darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no campo da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero. Ademais, as celebracións continuarán o mércores 12 no campus de Ourense coa III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas Exxperimenta en feminino, 14 obradoiros prácticos no que van participar arredor de 300 escolares. E, ademais de todas estas actividades no campus de Vigo e Ourense, ao longo de todo o mes, 26 investigadoras e un investigador da UVigo acudirán a 29 centros educativos de toda Galicia para ofrecer 41 charlas e actividades sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

Ámbito científico: seis obradoiros no Cinbio e actividades na Ecimat

As actividades do ámbito científico vanse concentrar no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No Cinbio celebraranse seis obradoiros nos que se abordarán cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo… “Temos que intentar transmitirlles a estas rapazas que as mulleres poden e deben formar parte de todo este proceso, porque teñen moito que achegar e moito que dicir”, recalcan as coordinadoras, Vaz e Salgueiriño, quen tamén adiantan que, como principal novidade, este ano o programa de actividades inclúe unha pequena charla inaugural que correrá a cargo de Amelia Verdejo, profesora de Matemáticas na Universidade de Vigo, xa xubilada, e que ten un perfil moi reivindicativo con respecto á concienciación en temas de igualdade.” En anteriores edicións algunhas das rapazas participantes queixáronse do feito de que deixaramos fóra aos seus compañeiros e outras fixeron ver que non crían necesarias esta clase de actividades, por iso decidimos incluír tamén esta charla”, explican as organizadoras.

No caso do CIM, celebrarase esta data cunha conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e cunha visita ás instalacións da Ecimat guiada polas técnicas que traballan alí, de xeito que teñan a oportunidade de coñecer os proxectos de investigación que se están a levar a cabo e coñecer de primeira man as historias e experiencias das mulleres que os realizan.

Ámbito tecnolóxico: nove obradoiros nas tres escolas de enxeñaría

No ámbito tecnolóxico cada unha das escolas de enxeñaría do campus organizou os seus propios obradoiros. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ás actividades xirarán entorno aos videoxogos, o funcionamento de internet e os robots Lego Mindstorm. “Imos repetir os mesmos obradoiros que en edicións pasadas porque a valoración que recibimos dos institutos despois da xornada é moi positiva”, explica a profesora Soledad Torres, coordinadora das actividades neste centro, quen fai fincapé en que o principal é que as rapazas regresen á casa vendo a tecnoloxía “como algo útil para a sociedade, divertido e ao alcance das súas posibilidades”.

Na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía os obradoiros vanse centrar na identificación dos minerais máis comúns; na presentación dos distintos materiais (cerámicos, metálicos, polímeros…), incluíndo múltiples curiosidades en canto ao seu uso, e nunha serie de experiencias prácticas moi visuais dirixidas a que aprendan as nocións básicas da combustión. En Enxeñería Industrial celebraranse outros tres obradoiros: un sobre termografía infravermella; outro sobre deseño e prototipado e, un terceiro, sobre Open Lab, no que poderán visualizar diferentes proxectos de aplicación desta tecnoloxía, entre eles, o monopraza deseñado por UVigoMotorsport.

Cartel muller e nena na ciencia (PDF)

Fonte: DUVI