Un percorrido histórico polas estacións mariñas da man de Ibon Cancio inaugura a 10ª edición do Café con Sal

A historia das estacións mariñas desde o século XIX ata a actualidade centrou relatorio que hoxe ofreceu o docente de bioloxía celular da Universidad del País Vasco (UPV/EHU) e investigador da Estación Marina de Plentzia (PiE) Ibon Cancio ao abeiro do ciclo Café con Sal, que organiza o CIM, e coa que este xoves se inaugurou a décima edición. Nunha exposición titulada Marine Stations: 20.000 leagues under the sea since the XIXth century into the “Blue Growth”, Cancio lembrou que os organismos que habitan o mar non comezaron a estudarse ata o século XIX, momento a partir do que tamén se inicia o desenvolvemento das habilidades e infraestruturas necesarias para o seu coñecemento, tales como embarcacións ou refuxios localizados a carón do mar. “As estacións biolóxicas mariñas foron concibidas nun inicio para albergar os científicos itinerantes, constituíndo lugares de descanso que ofrecían equipamento, protección, asistencia e coñecementos básicos aos visitantes”, destacou Cancio, que lembrou ante unha sala repleta de asistentes ao seu relatorio, a apertura hai 175 anos da primeira estación en Ostende (Bélxica).

Desde o século XIX, o investigador a UPV destacou como os océanos proporcionaron multitude de recursos útiles, así como vías para diversos temas de ciencia básica como a investigación biomédica; investigación biolóxica básica sobre pesca que desencadeou a investigación colaborativa transnacional, e xa no século XXI o desenvolvemento da biotecnoloxía azul. “Toda esta evolución aconteceu porque o coñecemento é poder a investigación no é un gasto, senón un investimento”, sinala Cancio, para quen as estacións biolóxicas supoñen “unha peza clave para o desenvolvemento do crecemento azul e para acadar este poder, e así o demostran, as estacións da Ecimat, PiE e outras da EMBRC-ERIC”.

Ao longo do ano celebraranse outras 12 sesións do ciclo Café con Sal, que rematará no mes de decembro, abordándose temas como o impacto do cambio climático sobre os organismos vivos das Rías Baixas; os efectos dos aditivos plásticos sobre os peixes mariños; a influencia das condicións do hábitat nos procesos ecolóxicos clave para a fauna bentónica mariña ou a xenómica dos mexillóns.

Fonte: DUVI