Un curso sobre o deseño de captadores de enerxía mariña reunirá en Ourense a expertos de 15 países

Arredor de 40 persoas procedentes de 15 países europeos participarán os días 22 e 23 de xaneiro nunha escola de formación que terá como obxectivo afondar no uso de modelos SPH, concretamente do software DualSPHysics, para o deseño de captadores de enerxía das ondas do mar. A actividade está organizada por Ephyslab, o Grupo Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), creador deste software referente en simulación computacional de fluídos.

A formación leva por título Numerical modeling of wave energy converters using SPH models e desenvolverase no edificio do Campus da Auga no campus de Ourense. “Esta actividade é unha escola de formación para investigadores de toda Europa no campo da enerxía mariña, en concreto, para aprender a usar a nosa ferramenta DualSPHysics como software para o deseño de captadores de enerxía das ondas”, explica Alejandro Jacobo Cabrera, profesor da Universidade de Vigo e membro de Ephyslab encargado da organización desta actividade, que conta colaboración do Campus da Auga e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Coñecendo DualSPHysics

A actividade, indica o seu responsable, está financiada pola Acción COST (European Cooperation in Science and Technology) chamada WECANet, financiada á súa vez pola Comisión Europea. “WECANet proporciona unha plataforma de traballo en rede que tamén crea o espazo idóneo para o diálogo entre todos os interesados na enerxía das ondas. Na actualidade, 31 países asociados participan activamente nesta rede, estando o grupo Ephyslab, en concreto os profesores Moncho Gómez Gesteira e eu mesmo, representando nela á Universidade de Vigo”, sinala Cabrera Crespo.

Durante a actividade de capacitación que se celebrará en Ourense, as e os asistentes afondarán nos modelos de partículas sen malla baseados na metodoloxía SPH (hidrodinámica de partículas suavizadas) e os seus beneficios e vantaxes para a simulación de captadores de enerxía de ondas. Especificamente abordarán as características e últimas novidades do software DualSPHysics, modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras. No desenvolvemento desta ferramenta aberta, lanzada en 2011 por Ephyslab, participaron universidades como as de Manchester, Gent, Parma, Lisboa e a Politécnica de Cataluña, sendo empregada desde entón por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á Nasa.

Segundo explican os responsables da formación, nela participarán arredor de 40 persoas, “incluíndo a traballadores de empresas privadas, estudantes de doutoramento, investigadores e profesores de diferentes universidades” procedentes de 15 países europeos, concretamente de, ademais de España, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Dinamarca, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Eslovenia, Suecia, Holanda, Turquía e Reino Unido. A docencia será impartida, ademais de polos propios Moncho Gómez e Alejandro J. Cabrera e José M. Domínguez, da Universidade de Vigo,  por Aleksander Grm, da University of Ljubljana (Eslovenia), e Corrado Altomare, da Universitat Politécnica de Catalunya.