Máis de 300 persoas mergúllanse na ciencia mariña do CIM a través do programa Ciencia Singular

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo repite éxito rotundo de participación nas actividades organizadas esta fin de semana ao abeiro da segunda edición do programa Ciencia Singular, un plan de divulgación científica e tecnolóxica cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través de fondos FEDER co que se busca dar a coñecer á sociedade o traballo levado a cabo nos centros singulares de investigación da universidade viguesa. O Centro de Investigacións Biomédicas tamén celebrou esta fin de semana actividades no campus de Ourense e na cidade de Vigo, porén a súa xornada de portas abertas terá lugar o vindeiro xoves día 5, visita para que xa están todas as prazas cubertas.

“O éxito que teñen cada ano estas actividades abertas ao público demóstranos que a sociedade está interesada en coñecer o que facemos, en saber o que se fai ao lado da casa. Este tipo de xornadas son fundamentais para que a xente descubra a investigación de vangarda que se está a desenvolver nos centros de investigación da Universidade de Vigo, para que coñeza os proxectos pioneiros nos que traballa o noso persoal investigador e, por que non, para espertar vocacións”, salienta Daniel Rey, director do CIM. Estes centros singulares concentran a excelencia investigadora da Universidade e, como tales, reciben financiamento específico da Xunta de Galicia e da propia Universidade polo seu desempeño científico.

A ciencia mariña dende o mar e dende a terra

Máis de 300 persoas participaron nas tres actividades propostas polo Centro de Investigación Mariña para a ocasión, de balde e dirixidas a todos os públicos, entre elas unha viaxe en barco para coñecer algunhas particularidades da ría e algúns dos métodos empregados polo persoal investigador para recoller mostras, ademais de obradoiros e visitas guiadas polas instalacións deste centro na Estación de Investigación Mariña de Toralla (Ecimat) e de visitas guiadas polos laboratorios cos que o centro de investigación conta na Torre Cacti, no campus.

A organización valora “o éxito de resposta” a pesar do aprazamento da data inicial por cuestións meteorolóxicas. De feito, as 150 prazas para a actividade Embárcate co CIM enchéronse nun tempo récord, destacando como a actividade máis demandada polo público tanto polo percorrido en barco dende o peirao do Náutico en Vigo ata Toralla con actividades a bordo como polas visitas guiadas polo interior da Ecimat, pola que a xente participante amosou moita curiosidade. Pola súa banda, outras 150 persoas participaron nas actividades Coñece o CIM en Toralla e Coñece o CIM no campus, que comprenderon visitas guiadas polas distintas instalacións do centro de investigación, nas que explicaron as súas liñas de investigación máis activas e os equipos e instrumentos que utilizan nos seus estudos. Os temas que máis interese xeraron entre o público foron o cambio climático e os plásticos.

Este xoves 5 ábrese unha fiestra á investigación biomédica en Vigo

Aínda que a xornada de portas abertas do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, será este xoves en Vigo, esta pasada fin de semana xa levaron a cabo varias actividades divulgativas. O xoves 28 instalaron un posto informativo na rúa Príncipe para a coñecer as investigacións que se levan a cabo no centro, mentres que o sábado 29 o edificio Politécnico do campus de Ourense acolleu unha serie de actividades relacionadas coa bioinformática e os produtos bioactivos.

Para a xornada lúdica e formativa do xoves 5 nas propias instalacións do Cinbio no campus de Vigo xa están todas as prazas cubertas. O programa de actividades comprende tres talleres: Mergúllate no cancro e se quen de extraer o ADN; O GPS do teu cerebro e CO2 o yin e o yang do noso ecosistema.

Fonte: DUVI