A Ecimat optimizará o cultivo integral do ourizo de mar

O ourizo de mar pasou de ser unha especie secundaria a converterse nun produto cunha demanda tan alta que obrigou ás confrarías a desenvolver plans de explotación que aseguren a sustentabilidade deste recurso. E é que tanto o mercado nacional, que descubriu a intensidade do seu sabor, como as elevadas taxas de exportación deste equinodermo, fixeron que o número de toneladas extraídas anualmente como o seu prezo en lonxa se disparase. Neste contexto, tanto a comunidade investigadora como as propias confrarías apostaron por desenvolver plans de mellora do seu cultivo, tanto dende o punto de vista da reprodución como da repoboación dos bancos. Un dos últimos proxectos aprobados é Ocimer, unha iniciativa da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar Paracentrotus lividus (Lamarck, 1816). Con dous anos de duración e un orzamento total e 148.420€, o proxecto forma parte da convocatoria Pleamar, que impulsa a Fundación Biodiversidad, entidade que financia un 70% do total dos custes, grazas a fondos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Á fronte de Ocimer está o director da Ecimat, Jose Manuel García Estévez, xunto con Damián Costas, responsable da Unidade de Recursos Biolóxicos e Cultivos Mariños da Ecimat e Estefanía Paredes, investigadora do grupo EcoCost do CIM-UVigo e responsable do Servizo de Preservación Funcional de Organismos Mariños da Ecimat. Explica que a finalidade deste proxecto é a optimización do cultivo integral de ourizo de mar Paracentrotus lividus para fomentar a sostibilidade pesqueira e acuícola así como a conservación da biodiversidade. O proxecto traballará en tres eidos principalmente. Por unha banda, explica Paredes, unha das liñas de traballo está “orientada a criadeiro e repoboación en zonas de extracción pesqueira, para o que contamos como socio coa Confraría de Pescadores de San José de Cangas”. Outro dos obxectivos é analizar as dietas e condicións de cultivo do ourizo para mellorar a calidade das gónadas co consecuente aumento do valor engadido no mercado. Finalmente, unha terceira pata que preocupa aos investigadores do proxecto é a conservación da biodiversidade de ourizos de mar na contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a ría de Vigo como área de influencia onde se van a desenvolver protocolos de criopreservación para varias especies locais de ourizo que se almacenarán no biobanco da Ecimat.

Tres liñas de investigación

No que respecta á repoboación, o equipo do proxecto buscará os métodos máis eficaces e menos lesivos para os ourizos e realizará estudos previos sobre a composición natural que se vai repoboar e as interaccións entre as especies que forman parte dela, para así poder valorar as potenciais incidencias da repoboación sobre o ecosistema preexistente. Para desenvolver este proceso de repoboación, previamente o persoal científico tamén deseñará sistemas de marcaxe realizando probas con ourizos con diámetro de testa variables para determinar a talla óptima e a mellor metodoloxía de marcaxe. Dentro desta mesma liña de traballo tamén se analizarán as taxas de supervivencia e de recaptura, compilando datos dos ourizos marcados.

Outra das partes do proxecto centrarase no proceso de cría e preengorde. Así, por unha banda, o equipo investigador tratará de optimizar o proceso de produción de xuvenís de Paracentrotus lividus coa vista posta nos dous momentos máis críticos deste proceso de cultivo do ourizo de mar: a etapa de criadeiro e a de fixación-metamorfose. Outra parte do traballo nesta liña pasa pola creación dun biobanco de especies autóctonas. Como explica Estefanía Paredes, dende Pleamar preténdese “desenvolver protocolos de criopreservación de material biolóxico e reprodutivo de diferentes especies de ourizo de mar locais”, de modo que pasarán a ser parte do biobanco de organismos mariños co que xa conta a Ecimat e o Centro de Investigación Mariña. Para este estudo os investigadores centraranse en tres especies: Sphaerechinus granularis, Paracentrotus lividus e Echinocardium cordatum.

Finalmente, a terceira liña de investigación pasa por deseñar dietas enerxéticas que melloren a condición, a textura e a cor das gónadas dos ourizo no medio natural antes da súa comercialización. Para isto, realizarase unha análise sensorial das gónadas dos ourizos alimentados coas diferentes dietas para determinar cal é a mellor.

Ao peche do proxecto, o equipo creará un manual integral de cultivo de Paracentrotus lividus e agardan publicar os resultados en revistas científicas internacionais. Todos os avances que se vaian realizando poderán seguirse a través das redes sociais en @ocimerUvigo.