Elena Ojea, única científica española que participa no informe sobre alimentación sostible nos océanos para o High Level Panel for a Sustainable Ocean Economy

A investigadora Elena Ojea hoxe en Roma cun dos coordinadores do informe, Christopher Costello

O océano ten o potencial de cubrir con creces a demanda alimentaria futura, tendo en conta o incremento da poboación mundial, non obstante, este potencial non se cubre só coa pesca, senón que se require desenvolver a acuicultura mariña para cubrir esta demanda, unhas cifras que se obteñen de calcular os beneficios de xestionar os stocks comerciais de xeito sostible e de desenvolver acuicultura mariña en zonas bioloxicamente axeitadas para as especies que se cultivan na actualidade. Estas son as principais conclusións do informe O futuro dos alimentos procedentes do mar, elaborado por unha vintena de científicos internacionais para o High Level Panel for a Sustainable Ocean Economy, Panel internacional para unha economía sostible nos océanos, formado hai un ano tras a conferencia da ONU sobre sostenibilidade nos océanos e que integran catorce xefas e xefes de estado e unha delegación da Organización de Nacións Unidas.

O informe presentado esta semana en Roma, tamén sinala que hai moitos retos para acadar ese potencial e riscos asociados e así, no caso da pesca apunta que habería que regular as capturas para rendementos sostibles, eliminar a pesca ilegal e tamén algúns subsidios que fomentan a sobrepesca, mentres que no caso da acuicultura, o informe indica que se precisan innovacións nas especies que requiren alimentación non natural, e aínda que non se cuantifica o impacto ambiental da mesma, indícase de que xeito este desenvolvemento pode ser máis sostible.

A investigadora do CIM-UVigo Elena Ojea é a única científica española que participa neste informe elaborado coas achegas dunha vintena de investigadoras e investigadores internacionais, coordinado por Christopher Costello, Stephan Gelcich e Ling Cao, e que é o primeiro estudo, ou Blue Paper, publicado polo Panel internacional para unha economía sostible nos océanos. “O meu labor principal foi contribuír ao informe en puntos críticos como as medidas de xestión sostible para a pesca ou as ameazas dos impactos, como o cambio climático”, explica a investigadora do CIM-UVigo desde Roma, onde participa nun simposio sobre pesca sostible que se está a desenvolver na FAO. Ser a única científica española que participa no informe é para Ojea “unha grande oportunidade e responsabilidade”, ao tempo que destaca que se intentou que o informe sexa inclusivo e representativo de moitas realidades, incluídas as necesidades dos países moi vulnerables en canto a seguridade alimentaria.

Un tema estratéxico para Galicia e España

Este traballo, que segundo Ojea pretende cubrir a diversidade de pesquerías e dependencia da pesca para alimentación no mundo, é, afirma a investigadora de Future Ocena Labs, “un tema moi importante e estratéxico para España e especialmente para Galicia, pola importancia social e económica da pesca e a acuicultura mariña”. O informe apunta que existe a oportunidade de investir nun futuro con pesca e acuicultura mariña sostible “e temos un grande potencial para facelo ben”, sinala Ojea, que coñecía a case todos os autores do informe polo seu traballo en áreas como a economía pesqueira, gobernanza mariña ou conservación.

A investigadora da Universidade de Vigo considera que o informe terá percorrido ao tratar un tema moi preocupante como é o obxectivo de desenvolvemento sostible da ONU sobre fame cero. “Ao tratarse dun informe encargado por líderes de estado, agárdase que o impacto sexa grande e que cando menos eses países incorporen as recomendacións ás súas políticas. O panel terá que dixerir as recomendacións doutros 15 informes, ademais deste sobre alimentación procedente do mar, que tratan temas como as enerxías renovables mariñas, a planificación costeira ou a gobernanza mariña”, sinala Elena Ojea.

O Panel internacional para unha economía sostible nos océanos está integrado neste intre polos presidentes e presidentas ou primeiros ministros ou ministras de Australia, Canadá, Chile, Gana, Ilas Fixi, Indonesia, Xamaica, Xapón, México, Namibia, Noruega, Portugal, Kenya e República de Palau, e apoiado por un grupo de peritos, unha rede de conselleiros e un secretariado.