Dúas investigadoras e dous investigadores do CIM-UVigo “retidos” polo seu talento

Alejandro Cabrera, María Aranguren, Sandra Martínez e Juan Añel

16 investigadoras e investigadores de todos os ámbitos do coñecemento beneficiaranse este ano do Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo. Co obxectivo de facilitar a continuidade da actividade desenvolvida polo persoal investigador incorporado a través dos programas de doutoras e doutores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e programas de axudas posdoutorais da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo puxo en marcha hai anos este e outros programas orientados á captación e consolidación do persoal investigador que desenvolve a súa actividade na institución académica. As e os investigadores Juan Antonio Añel, María Aranguren, Alejandro Cabrera, Inmaculada de la Calle, Francisco Javier Deive, Adolfo Fernández, Iria Fernández, Susana Magadán, Sandra Martínez, Ana Querejeta, Antonio Riveiro, Rogelio Santiago, José Andrés Santiago, Rosana Simón, David Tizón e María Doleres Torres son as e os beneficiarios do programa de retención de talento que permite formalizar contratos de tres anos de duración, como persoal laboral temporal a tempo completo, na modalidade de investigador distinguido.

Das dezaseis persoas beneficiadas por este programa, catro traballan no CIM-Uvigo: María Aranguren GassisSandra Martínez García, do grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB) e Juan Antonio Añel Cabanelas e Alejandro Cabrera Crespo, do Laboratorio de Física Ambiental (EPHYSLAB). A investigadora María Aranguren centra a súa investigación no estudo das respostas do fitoplancto mariño á interacción de diferentes factores ambientais que se ven alterados no océano debido ao cambio climático, mentres que Sandra Martínez está especializada no estudo da estrutura e o funcionamento do plancto microbiano mariño, prestando especial atención para o efecto do cambio global sobre o funcionamento das comunidades microplanctónicas no océano. Dentro do EPHYSLAB, Juan Antonio Añel traballa en climatoloxía e ciencias da atmósfera, mentres que Alejandro Cabrera, experto en dinámica de fluídos computacional (CFD), especializouse na aplicación de métodos computacionais a problemas da enxeñaría real como a protección costeira contra eventos extremos e perigosos e o deseño numérico de convertidores de enerxía de onda.

As e os seleccionados valoran a estabilidade e demandan unha proxección de futuro

“Ser beneficiaria deste programa supón un gran impulso para a miña carreira e unha motivación para seguir dedicándome á investigación”, explica a bioquímica Rosana Simón Vázquez, que sinala que a gran problemática que sofren as e os investigadores en España é a dificultade para desenvolver as súas carreiras e acadar unha praza como investigador titular ou profesor de universidade a unha idade temperá. A investigadora do Grupo de Inmunoloxía, que traballa na actualidade no desenvolvemento de vacinas e terapias baseadas no uso de nanosistemas para a liberación controlada de antíxenos ou fármacos, considera este tipo de políticas “moi positivas, pero deben ter cunha verdadeira proxección de futuro, xa que se non é así acabarán sendo unha axuda máis á contratación temporal de investigadores”.

Pola súa  banda, para a bióloga María Aranguren Gassis ser beneficiara deste programa “supón a oportunidade de avanzar na miña carreira investigadora en dous sentidos: en primeiro lugar permitíndome optar a ser investigadora principal do meu propio proxecto, contribuíndo a asentar a miña liña de traballo e, en segundo lugar, achégame a tranquilidade de poder dedicar o meu tempo de traballo á investigación e á docencia sen ter que ocupar horas na procura de novas oportunidades laborais cara a un final de contrato inmediato”. No Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-Universidade de Vigo, María Aranguren céntrase no estudo das respostas do fitoplancto mariño á interacción de diferentes factores ambientais que se ven alterados no océano debido ao cambio climático. “Actualmente estou a traballar no estudo da resposta de diatomeas mariñas da cambios simultáneos en temperatura e dispoñibilidade de nitrato, tanto deste o punto de vista das resposta a curto prazo (aclimatación) como a longo prazo (adaptación evolutiva)”, detalla a investigadora.

Ver a noticia completa no DUVI.