Universidade e Xunta sinalan o CIM como un axente clave para a innovación no sector mariño

De la Huz, Argerey, Rubio, Boquete e Rey, durante a visita á Ecimat

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), infraestructura principal do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) da Universidade de Vigo cofinanciada por fondos FEDER (FEDER/FSE Galicia 2014-2020) conforma, xunto coa Estación Mariña de Plentzia da Universidade do País Vasco, o nodo español do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC), unha infraestrutura europea de investigación mariña que agrupa 29 centros de investigación de nove países. Coñecer as diferentes liñas de traballo dun centro que agrupa preto de 200 investigadores e investigadoras e pór en valor a importancia da investigación e a innovación para o sector mariño en Galicia foron os obxectivos da visita que a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, realizou este xoves á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat).

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o director do CIM e do Campus do Mar, Daniel Rey; o director da Ecimat, José Manuel García Estévez; a responsable do nodo español da EMBRC, Belén Martín; a coordinadora da área de Xestión e Apoio á Investigación do CIM, Charo de la Huz, e a directora da Área de Programas de Gain participaron xunto con Argerey neste percorrido polas instalacións da estación mariña. O obxectivo do encontro era abordar coa representante da administración autonómica as posibilidades que supón a participación nun consorcio, constituído en 2017, que forma parte do mapa de ruta de Infraestruturas de Investigación da Comisión Europea. “A idea é que o EMBRC funcione ao final como un só centro europeo e que os investigadores e as empresas poidan ter acceso a todas as estacións como se fosen unha soa”, explicou Belén Martín dunha infraestrutura dentro da que o CIM ofrece servizos, tanto á comunidade investigadora como ao sector industrial, relacionados con ámbitos como a biotecnoloxía aplicada á acuicultura ou o acceso aos ecosistemas das rías.

Sinerxías que permitirán optar a recursos e proxectos

Formar parte da EMBRC permite “potenciar as relacións con outros socios para promover proxectos internacionais”, engadiu Rubio, que salientou o apoio de Gain ao consorcio, así como as sinerxías que permitirá xerar este consorcio, xunto coa presenza da Universidade nunha rede de observación oceánica, tanto no eido da investigación como da transferencia. “Só compartindo coñecemento pódense obter mellores resultados e ser competitivos”, engadiu Argerey sobre un consorcio que exerce como “panca para captar recursos e proxectos de alto nivel”.

A EMBRC constitúe nese senso “unha plataforma de lanzamento moi importante, que nós pon en contacto con outros investigadores e con outros centros de excelencia”, engadiu o director do CIM. Daniel Rey salientou tanto o “fluxo de persoas e ideas” que fai posible esta rede de centros como a posibilidade de que, no seo desta rede, “os nosos investigadores vaian incorporándose e liderando proxectos”. Nese senso, Rey lembrou que preto do 25% dos proxectos do programa comunitario Horizonte 2020 nos que participa a Universidade de Vigo xurdiron da participación no EMBRC.

Promover a innovación no tecido empresarial

Rey tamén puxo o foco na importancia de formar parte desta infraestrutura europea no relativo á transferencia e o desenvolvemento de investigacións que “poidan ir pouco a pouco transformando o sector e dándolle un maior nivel de intensificación tecnolóxica”. Nese senso, o director do CIM sinalou a importancia da biotecnoloxía dentro dun “sector estratéxico” como o mariño, eido ao que tamén fixo referencia á directora de Gain, que lembrou que o reto 1 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia é “a valorización dos nosos recursos”, neste caso mariños. Argerey subliñou por iso a importancia da “cadea mar-industria, que empeza pola investigación”, como o primeiro piar para que o sector “sexa cada vez máis competitivo”.

Fonte: DUVI