Un investigador do CIM-UVigo demostra que os compostos cos que se limpian as bateas inducen graves alteracións no mexilón

Bateas de mexilón

Nas rías galegas hai arredor de 3400 bateas, o que converte o cultivo do mexillón dunha das principais activades económicas da comunidade. Isto supón que o sector e a administración pública exercen un importante control de calidade tanto sobre a produtividade do cultivo como sobre a súa calidade e a seguridade alimentaria. Porén, existe un factor pouco estudado, como é o impacto contaminante dos produtos empregados para limpar e impermeabilizar as bateas, temática na que centrou a súa tese o investigador Vladimir Dobal, do grupo de reprodución de moluscos bivalvos do CIM-UVigo.

Ao abeiro do programa de doutoramento Do*Mar, Dobal alerta de que este proceso adoita realizarse in situ e empregando unha “mestura de composición arbitraria, baseada en alcatráns e diésel queimado”. Explica que se coñece moi pouco sobre o “impacto contaminante destes tratamentos na contorna inmediata da batea, así como sobre o seu efecto sobre a morfoloxía, citoloxía, histoloxía, fisioloxía, bioquímica ou o metabolismo do molusco”.

O seu estudo baseouse en analizar os efectos histolóxicos e histopatolóxicos provocados en branquias, glándula dixestiva e o manto-gónada de M. galloprovincialis. Por outra banda, tamén estudou a capacidade de desintoxicación deste molusco e as rutas metabólicas implicadas, así como a participación de cada tecido neste proceso e analizou a resposta do proteoma do manto de M. galloprovincialis con vistas a arroxar luz sobre os mecanismos moleculares afectados pola exposición á mestura de alcatráns.

Os efectos do alcatráns nos mexillóns

A súa investigación presenta varias conclusións, a primeira delas constata que “a exposición á mestura de alcatráns induce varias alteracións nos sistemas respiratorio, dixestivo e reprodutor de M. galloprovincialis, que aumentan coa dose e o tempo de exposición, o que suxire un efecto acumulativo tóxico desta mestura”. Neste sentido, Vladimir Dobal destaca que “queda probado que tanto as branquias como a glándula dixestiva e o manto son órganos necesarios no mecanismo de desintoxicación de xenobióticos de M. galloprovincialis”.

Ante estes datos, o investigador propón na súa tese unha batería de encimas como potenciais biomarcadores de contaminación por mesturas de hidrocarburos e metais pesados en ambientes mariños, principalmente en áreas de acuicultura, aínda que a análise no ambiente natural será necesaria para confirmalo”. Ademais, no seu estudo identificáronse 132 proteínas con relevancia biolóxica en resposta á intoxicación por alcatrán, “o que fai necesario, como continuación deste traballo, a validación das mesmas como potenciais biomarcadores de exposición”, engade o científico. Finalmente, e pola súa relevancia funcional, Dobal propón a indución de tres proteínas implicadas nos procesos de morte celular programada (proteínas RAS) e na fertilización (vitelline coat lysin/vitelline envelope receptor for lysin) como posibles biomarcadores dos efectos nocivos do alcatrán sobre a reprodución do mexillón.

Fonte: DUVI