Dous investigadores británicos protagonizan unha edición especial do ciclo Café con Sal

James Waggitt

A Ecimat acolleu este xoves unha edición especial do ciclo de conferencias Café con Sal con motivo da estancia no centro de dous investigadores británico baixo o programa de Accesos Transnacionais de Asemble Plus (TNA) que, en breve, abrirá a súa quinta convocatoria. A xornada arrancou precisamente cunha breve introdución sobre o TNA que correu a cargo de Fiz da Costa, xestor de proxectos da Ecimat, que presentou os servizos básicos do centro aos que calquera membro do persoal investigador ou técnico, de calquera institución pública ou privada, pode acceder.

Tras a presentación xeral de Fiz da Costa foron os dous investigadores que se atopan actualmente no centro ao abeiro deste programa os encargados de explicar en sendas charlas en que consisten as súas investigacións. O primeiro en intervir foi James Waggitt, profesor de Bioloxía Mariña  na Escola de Ciencias do Océano da Bangor University do Reino Unido, cuxo traballo se centra en estudar diferentes aspectos relacionados co comportamento das aves mariñas. Impartiu o relatorio Studies into coastal seabirds: understanding the importance of currents, topography and meteorology when estimating responses to environmental change, no que explicou como as correntes, a topografía e as interaccións meteorolóxicas inflúen na distribución das aves que viven en ambientes costeiros.

O segundo investigador en participar nesta sesión especial do Café con Sal foi Jamie Stevens, experto en ecoloxía molecular e bioloxía evolutiva da University of Exeter no Reino Unido, co relatorio What drives contrasting patterns of genetic connectivity in Atlantic octocoral species?, unha intervención na que afondou nos estudos da estrutura da poboación e da conectividade de dúas especies octocorais (Eunicella verrucosa e Alcyonium digitatum) do noreste atlántico. Estes estudos, financiados por Natural England e NERC, Reino Unido, teñen implicacións importantes para a conservación de E. verrucosa, unha especie protexida nas augas do Reino Unido.

Despois dunha breve charla cos asistentes ao ciclo, ambos investigadores comprometéronse a realizar no futuro unha nova visita á Ecimat na que presentar os resultados das mostraxes realizadas estes días en Galicia.

Parón estival

Tras esta edición especial, o ciclo de conferencias organizado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, realizado gracias  ás axudas recibidas polo Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020, realizará un parón estival e regresará con novas sesións o vindeiro mes de setembro. A primeira está prevista  para o día 17 e correrá a cargo de José González, do grupo de Oceanografía Física do CIM-UVigo.